PROGRAMAS DE SAÚDE PÚBLICA NO CAMPO DA PROMOCIÓN DA SAÚDE DA POBOACIÓN XITANA

Se es unha asociación que conta entre o seu obxecto social ou os seus fins desenvolver proxectos relacionados co colectivo de etnia xitana non dubides en solicitar este programa! Clica xa!
Obxectivo

Establécense as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para as anualidades de 2024 a 2027 para proxectos realizados en Galicia de saúde pública relacionados coa promoción da saúde na poboación de etnia xitana.

Este programa contará coa Rede Promotora de Saúde na Poboación Xitana, que desenvolverá as seguintes fases de implantación levadas a cabo por todas as entidades beneficiarias (agás a fase 2):

  • Fase 1: contratación de sete mulleres de etnia xitana, unha por cada unha das sete áreas sanitarias de Galicia, que actuarán como promotoras de saúde e formarán parte da Rede Promotora da Saúde na Poboación Xitana. 
  • Fase 2: formación común e inicial para as sete mulleres en materia de promoción da saúde, que será levada a cabo por unha única entidade, beneficiaria única desta fase.
  • Fase 3: recollida de información sobre a situación da poboación xitana en materia de hábitos de vida saudable mediante o desenvolvemento dunha enquisa inicial.
  • Fase 4: desenvolvemento de actividades para o fomento de estilos de vida saudables na comunidade xitana e a diminución dos seus factores de risco, mediante a promoción e a educación para a saúde de acordo ao seu propio contexto e tendo en conta os resultados obtidos na enquisa en cada territorio. 
  • Fase 5: formación continuada, que desenvolverá cada entidade beneficiaria ao longo de todo o tempo de concesión das subvencións, das sete mulleres segundo as súas características e as necesidades da área sanitaria na que desenvolvan as accións, para a mellora e o reforzo das habilidades e coñecementos necesarios para a promoción da saúde na súa contorna. 
  • Fase 6: avaliación e mellora continua das actividades de promoción da saúde implantadas en cada territorio.
Beneficiarios
  • As entidades privadas sen ánimo de lucro de Galicia, que debidamente inscritas no rexistro correspondente, inclúan no seu obxecto social ou nos seus fins o desenvolvemento de proxectos relacionados coa poboación de etnia xitana.
Requisitos

a) Actuar como empregadora e exercer de pagadora da nómina correspondente á promotora de saúde contratada para o desenvolvemento das accións establecidas.

b) Dispoñer do alugueiro de locais e dos medios físicos e materiais necesarios para o desenvolvemento das actividades deseñadas para a promoción da saúde na poboación xitana por parte da muller promotora da saúde no seu territorio.

c) Xestionar e coordinar todas as accións necesarias para o desenvolvemento do proxecto. 

d) Deseñar e divulgar as actividades de comunicación en relación coas accións dos programas de promoción da saúde entre a poboación de etnia xitana. 

e) Respectar a normativa vixente, especialmente, en materia de protección de datos de carácter persoal no desenvolvemento do proxecto subvencionado, segundo a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, así como a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Incompatibilidades e concorrencia

As presentes subvencións serán incompatibles con calquera outra axuda ou subvención percibida coa mesma finalidade.

Contía

A contía total das subvencións ascende a 1.015.000,00 euros.

Este orzamento distribuirase en catro anualidades do seguinte xeito: 

a) Ano 2024 (2º semestre): 169.167 €. 

b) Ano 2025: 338.333 €. 

c) Ano 2026: 338.333 €. 

d) Ano 2027 (1º semestre): 169.167 €.

O importe da subvención calcularase segundo o Artigo 18 dividindo o orzamento de cada anualidade do xeito seguinte:

  • A entidade que realice a formación inicial das promotoras de saúde obterá o 23 % da partida orzamentaria dispoñible dese ano (onde irá incluída a formación). Asemade, cada proxecto das entidades que realicen as accións no campo da promoción da saúde na poboación de etnia xitana, cun máximo de sete, accederá ao 11 % da partida orzamentaria dispoñible para ese ano.   
  • Para os anos 2025, 2026 e 2027: Cada proxecto das entidades que realicen as accións no campo da promoción da saúde na poboación de etnia xitana (incluíndo a formación continuada) accederá ao 14,28 % da partida orzamentaria dispoñible para ese ano.
Criterios de valoración

Para os proxectos de formación das mulleres promotoras da saúde, aplicaranse os seguintes criterios de baremación:

a) Na formación inicial de cada muller promotora da saúde valorarase cunha puntuación máxima de 10 puntos o currículo do profesorado que impartirá esta formación.

b) Na formación continuada individualizada de cada muller promotora de saúde, valorarase con ata 5 puntos o currículo do profesorado que impartirá esta formación.

 c) En canto aos proxectos de desenvolvemento do traballo das mulleres de etnia xitana na comunidade, deberanse deseñar actividades destinadas á promoción de hábitos de vida saudables mediante o fomento dos seus factores protectores (alimentación saudable, actividade física, benestar emocional, hixiene do sono, prevención de condutas aditivas) que desenvolverán as promotoras de saúde coa comunidade de etnia xitana. Valoraranse cun máximo de 45 puntos.

d) Ademais, valorarase ata un máximo de 15 puntos, a capacidade de dirección, coordinación e xestión da entidade beneficiaria, mediante a acreditación da experiencia previa desta en programas destinados á poboación xitana, coa presentación de proxectos desenvolvidos pola entidade nos cinco anos previos á publicación da presente convocatoria. 

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes  rematará o 20 de maio de 2024.

Máis información

Consulta a ORDE do 1 de abril de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro de programas de interese xeral con fins de carácter sociosanitario e cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, para realizar programas de saúde pública no campo da promoción da saúde da poboación xitana por entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2024 ao 2027.

Código de procedemento: SA462E

BDNS: 754337

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co Departamento de Apoio ás Asociacións da Mancomunidade de Vigo, chamando ao teléfono 986 42 33 66 o noso correo: obradoiro.emprego@maiv.org 

O contido desta presentación ten unicamente fins informativos;  en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *