SUBVENCIÓNS DIRIXIDAS ÁS ENTIDADES CULTURAIS SEN FINS DE LUCRO PARA AS ACTIVIDADES DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA DO ANO 2024

Se es unha asociación pertencente ó sector cultural co obxectivo de incrementar a presenza do galego en todos os contextos e desmontar os prexuízos a través dunha boa información e difundir argumentos que acaben con opinións belixerantes sobre o galego que aínda permanecen en certos ámbitos, isto interésache! Non dubides en solicitala.
Obxectivo

Aprobar a convocatoria pola que se rexerá a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para promover, fomentar e difundir as actividades encamiñadas á dinamización da lingua galega, co fin de potenciar o uso do noso idioma no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia que teñan repercusión social, e nas actividades que organicen as entidades culturais sen fins de lucro no seu termo municipal entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2024. 

Persoas beneficiarias

Poderán solicitar estas subvencións as entidades culturais que reúnan os seguintes requisitos:

  • Carecer de fins de lucro.
  • Ter o domicilio fiscal na provincia de Pontevedra ou acreditar fidedignamente que teñen a súa sede ou unha delegación nela, e que as súas actividades se realizarán no ámbito territorial da provincia de Pontevedra ou, excepcionalmente, fóra desta cando versen sobre temas de interese para a provincia.
  • Non estar incursas en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para percibir subvencións públicas. 
  • Non estar incursas en ningunha das prohibicións para percibir subvencións recollidas na lei.
  • Estar ao corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal Tributaria, coa Facenda autonómica, coa Seguridade Social e coa Deputación de Pontevedra.
Accións subvencionables

Serán subvencionables os proxectos presentados para as accións sinaladas a continuación que se desenvolvan no período comprendido do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2024:

  • Fomento do uso e prestixio da lingua galega a través de programas de normalización e dinamización lingüística 
  • Sociolingüística e toponimia
  • Fomento do emprego do galego no comercio e na industria.
  • Campañas para a dinamización, o uso e o prestixio da lingua galega no ámbito comercial e socioeconómico. 
  • Recoñecementos e distincións.
  • Fomento do emprego do idioma galego.

Os proxectos obxecto da subvención poderán consistir nunha actividade, un programa concreto, varias actividades dun programa concreto ou actividades cun mesmo fío condutor, en ningún caso se subvencionarán as actividades realizadas ao longo de todo o ano.

Gastos subvencionables

Consideraranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da finalidade subvencionada, resulten estritamente necesarios, estean vinculados á edición do proxecto e se inclúan entre os seguintes:

  1. Infraestruturas e espazos para as actividades.
  2. Contratación de servizos técnicos e profesionais.
  3. Edición de publicacións.
  4. Comunicación e prensa.
  5. Publicidade e difusión.
  6. Grupos, artistas e compañías.
  7. Outros gastos non recollidos nos apartados anteriores e relacionados directamente co proxecto. 

Exclúense desta convocatoria e, polo tanto, non serán obxecto de subvención:

  • As actividades subvencionadas no mesmo exercicio a través doutras convocatorias de subvencións ou plans provinciais da Deputación.
  • Os gastos de funcionamento das entidades, os gastos correntes, os gastos bancarios, os gastos de persoal da propia entidade e as actividades xerais que se realicen ao longo de todo o ano.
  • As viaxes de lecer, as excursións, as festas gastronómicas e as festas populares.
  • Os gastos gastronómicos, agás cando garden relación directa coa actividade e sexan necesarios para o seu desenvolvemento.
  • As actividades que ocasionen ou xustifiquen o maltrato de persoas ou animais.
  • As actividades lúdicas, de lecer e de carácter deportivo.
  • As actividades de ANPA, federacións e clubs deportivos.
  • Aquelas accións que se leven a cabo en distintos concellos e das que estes presenten proxectos con actividades e orzamentos similares nas súas memorias.
  • Calquera actividade que xere ingresos pola venda do produto obxecto da subvención no resultado do seu orzamento.
  • As gravacións de discos e material sonoro, agás aqueles proxectos enfocados exclusivamente no fomento do uso do idioma galego.
  • As actividades de posta en valor do patrimonio inmaterial propio das vilas e comarcas da nosa provincia (costumes, tradicións, etnografía, crenzas e mitos).
  • Os festivais musicais, en calquera das súas manifestacións, as mostras de teatro, os encontros e os certames culturais.
  • Os certames e as actividades de posta en valor da pintura, da escultura, da arquitectura e da banda deseñada.
  • As publicacións e edicións que non utilicen o galego conforme á norma oficial.
  • As publicacións e edicións de revistas culturais de temática variada, por ter cabida noutras convocatorias doutros servizos da institución provincial.
  • Almanaques e axendas anuais.
Compatibilidade e concorrencia

Estas axudas son compatibles con outras subvencións ou patrocinios, públicos ou privados, para o mesmo proxecto ou finalidade.

Valoración e concesión

A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta para a súa adxudicación os criterios da seguinte ligazón.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 26 de abril de 2024 e rematará o 27 de maio de 2024.

Máis información

Consulta as Bases de subvencións dirixidas ás antidades culturais sen fins de lucro para as actividades de dinamización da lingua galega do ano 2024 (código de procedemento SIA 215828)

Acceder ó proceso de tramitación:

Código de procedemento: SIA 215828

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Departamento de Apoio ás Asociacións, chamando ao teléfono: 986 42 33 66.

  O contido desta presentación é só para fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *