SUBVENCIÓNS ÁS ENTIDADES DE ACCIÓN VOLUNTARIA PARA O FOMENTO E A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE VOLUNTARIADO

Prazo pechado!! Se eres unha entidade de acción voluntaria de carácter privado en Galicia, e realizas proxectos durante o ano 2024 desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro, isto interésache!
Obxecto

Establecer as bases reguladoras polas que se rexerá o procedemento de concesión das subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

Entidades beneficiarias e requisitos

As entidades beneficiarias das axudas serán as entidades de acción voluntaria de carácter privado de Galicia que realicen proxectos de voluntariado durante o ano 2024, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro, e que se desenvolvan dentro dos sectores de actuación que recolle a Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria, no seu artigo 5.2.

Requisitos:

  1. Para poder ser entidade beneficiaria desta axuda será condición imprescindible:

Que as entidades de acción voluntaria de carácter privado estean legalmente constituídas de conformidade coa natureza das ditas entidades e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. 

Non obstante, tamén poderán solicitar axudas as entidades privadas non inscritas que, na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, teñan presentada solicitude de inscrición na sección de entidades do referido Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

Desenvolver os proxectos subvencionables na Comunidade Autónoma Galega a través de persoas voluntarias.

Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias que participen no proxecto presentado, durante todo o tempo de execución deste

Estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

  1. As entidades deberán manter os requisitos exixidos durante todo o período de realización do proxecto subvencionado.

Excepcións:

Non poderán solicitar as subvencións aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13, números 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Conceptos subvencionables
  1. Serán conceptos subvencionables os gastos que deriven directamente das actividades de voluntariado realizadas e recollidas no proxecto presentado polas entidades que se leven a cabo desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 31 de outubro de 2024, entre as cales se inclúen a contratación laboral de persoal técnico ou experto, os gastos de actividades inherentes ao desenvolvemento do proxecto, a adquisición de material funxible pero non inventariable, ou os seguros das persoas voluntarias que leven a cabo o proxecto durante o tempo de execución deste. 

En ningún caso os gastos indirectos que se imputen ás actividades para as que se solicita a subvención poderán superar o 20 % do importe subvencionable efectivamente xustificado. 

  1. Non se subvencionarán os gastos en bens inventariables e de investimentos, os xuros debedores das contas bancarias, as recargas e as sancións administrativas nin os gastos de procedementos xudiciais.
Incompatibilidades e concorrencia

O importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións, supere o custo do proxecto subvencionable.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Contía

A contía máxima da axuda por proxecto non poderá superar a cantidade de 4.000 euros nin o 75 % do orzamento total do proxecto presentado. A contía da axuda destinada a cada proxecto calcularase de forma proporcional á puntuación obtida de acordo cos criterios de valoración ata esgotar o crédito dispoñible. 

Criterios de valoración

A valoración das solicitudes será realizada pola Comisión de Valoración. No devandito procedemento teranse en conta os seguintes criterios:

a) Coherencia xeral do proxecto, consonte os seguintes criterios (ata 35 puntos):

  • Calidade técnica analizada a través da coherencia entre os obxectivos, programación, metodoloxía da intervención, adecuación de recursos e actividades aos obxectivos do proxecto e criterios de avaliación. Deberán acreditarse os resultados previstos, a oportunidade e o interese social do proxecto expresados nunha relación descritiva e clara de toda a secuencia do proxecto e de cada unha das actividades que se van desenvolver, así como o número de persoas beneficiarias e persoas voluntarias que van participar no proxecto (ata 11 puntos).
  • Información precisa e detallada de cada unha das actividades e contías que se deberán destinar a cada unha das accións debidamente desagregadas, así como descrición dos recursos propios da entidade (ata 4 puntos). 
  • Secuencia lóxica da intervención coa exposición, polo miúdo, da situación de que se parte e a onde se quere chegar, información precisa dos recursos existentes e os necesarios, cos que se conta e os que terán que incrementar (ata 12 puntos).
  • Importancia da actuación en áreas de especial sensibilidade, de acordo coas necesidades reais da sociedade (ata 8 puntos).

b) Viabilidade do proxecto e sustentabilidade da organización de voluntariado na Comunidade Autónoma galega previndo, entre outras medidas, a inclusión nos seus proxectos da figura da persoa responsable de voluntariado (ata 20 puntos).

c)Capacidade económica da entidade (ata 15 puntos):

  • A maior achega financeira da entidade ao proxecto (ata 7,5 puntos). 
  • Concorrencia doutras fontes de financiamento do proxecto de carácter privado (ata 7,5 puntos).

d) Proxectos innovadores que introduzan novas prácticas no fomento de experiencias de solidariedade e voluntariado no ámbito educativo, cultural, empresarial, medios de comunicación, traballo en rede e promoción dos novos espazos de intervención para o voluntariado (ata 15 puntos). 

e) Facer constar en lingua galega toda a publicidade, publicacións, información, Internet, actos públicos, material que se cree e propaganda relativas á actividade subvencionada (ata 15 puntos).

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 7 de agosto de 2024 e rematará o 6 de setembro de 2024.

Máis información

Consulta a  ORDE do 24 de xullo de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

Código de procedemento: BS508B 

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Departamento de Apoio ás Asociacións, chamando ao teléfono 986 42 33 66.

O contido desta presentación ten unicamente fins informativos;  en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *