SUBVENCIÓNS A ENTIDADES DEPORTIVAS PARA A PROMOCIÓN DO DEPORTE FEMININO NA TEMPADA 2023/2024 EN VIGO

Prazo pechado!! O Concello de Vigo busca promover o deporte feminino a través do apoio ás entidades deportivas da cidade, clica xa e entérate se a túa entidade está dentro!
Obxectivo

Promover o deporte feminino a través do apoio económico ás entidades deportivas de Vigo que fomenten a participación e promoción das nenas e mulleres nas distintas modalidades deportivas (equipos e/ou individuais).

Beneficiarios e requisitos

Poderán solicitar e obter estas axudas os clubs deportivos, asociacións e agrupacións deportivas e entidades deportivas que reúnan os seguintes requisitos:

  1. Que teñan a súa sede social ou delegación no termo municipal de Vigo.
  2. Que teñan personalidade xurídica propia e carezan de ánimo de lucro.
  3. Que se atopen ao corrente no cumprimento das súas obrigas fiscais co Concello de Vigo e coa Facenda pública estatal e autonómica, e coa Seguridade Social.
  4. Que cumpran os demais requisitos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no Real decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
  5. Que conten cun mínimo de 10 licenzas femininas na tempada 2023/2024 ou do ano 2024 no caso das modalidades deportivas cuxa tempada sexa anual.

Exceptuarase do mínimo de licenzas ás entidades que conten, ao menos, con 1 licenza feminina de deporte adaptado.

  1. Que acompañen á solicitude a documentación preceptiva establecida na base 11ª.
Exclusións

Quedan excluídas expresamente desta convocatoria:

  1. As federacións deportivas.
  2. Os clubs pertencentes ou integrados en institucións oficiais.
  3. As solicitudes que se presenten fóra do prazo estipulado na convocatoria, calquera que sexa a causa da presentación extemporánea.
Gastos subvencionables

Serán gastos subvencionables os que correspondan ao funcionamento da entidade solicitante e sexan ocasionados pola actividade propia desta relacionada directamente coas licenzas femininas e os motivados pola participación ou organización das actividades deportivas dos equipos con licenzas femininas.

Tendo en conta o establecido no parágrafo anterior, terán a consideración de gastos subvencionables os seguintes:

  • Pagamento das licenzas federativas femininas.
  • Viaxes, aloxamentos e comidas das deportistas femininas ou dos equipos femininos (inclúese o persoal técnico e adestrador) nos desprazamentos necesarios para as actividades deportivas de competición e/ou clasificación. No caso de que se xustifique a subvención con gastos de comidas, a factura deberá concretar o menú, prezo por menú e prezo total, estando excluídas, en todo caso, as bebidas alcohólicas de calquera tipo.
  • Inscricións en competicións e probas das deportistas femininas ou dos equipos femininos.
  • Arbitraxes de competicións e probas das deportistas femininas ou dos equipos femininos.
  • Salarios e gastos do persoal técnico e adestrador das deportistas femininas ou dos equipos femininos.
  • Equipamento das deportistas femininas sempre que este equipamento incorpore o logo do Concello de Vigo.
  • Compra de material deportivo necesario para o adestramento ou competición das deportistas femininas ou dos equipos femininos.
  • Alugueiro de instalacións deportivas para a actividade deportiva das deportistas femininas ou dos equipos femininos, gastos telefónicos, de internet e mantemento das aplicacións web e/ou presenza dixital.

En xeral, serán subvencionables todos os gastos ocasionados polo funcionamento da entidade deportiva que garden relación directa coa actividade deportiva das deportistas femininas ao longo da tempada 2023/2024 ou do ano 2024 no caso das modalidades cuxa tempada deportiva sexa anual.

Non se valorará como gasto subvencionable o uso das instalacións deportivas municipais do Concello de Vigo cando ese gasto fose tido en conta para xustificar a subvención concedida na convocatoria específica de subvencións do Servizo de Deportes deste Concello. O Servizo de Igualdade solicitará, nese caso, información ao respecto ao Servizo de Deportes.

Quedan excluídos como gastos subvencionables os seguintes: 

  • Adquisición de bebidas alcohólicas de calquera tipo.
  • Espectáculos.
  • Adquisición de patrimonio e/ou investimento.
  • Calquera outro gasto que non sexa necesario para a realización da actividade subvencionada. 
  • Os gastos de comidas das deportistas femininas ou dos equipos femininos (inclúese o persoal técnico e adestrador).

A tempada 2023/2024 ou 2024 estará definida para cada modalidade deportiva en función dos datos certificados polas respectivas federacións.

 Incompatibilidades e concorrencia

Estas subvencións serán compatibles con calquera outra subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Criterios de valoración

A concesión das subvencións atenderá a criterios obxectivos e se tramitarán en réxime de concorrencia competitiva, tendo sempre como límite as dispoñibilidades orzamentarias do Servizo de Igualdade destinadas para tal fin no presente exercicio.

Neste sentido,, a Comisión avaliadora, para efectuar a proposta de resolución, valorará as solicitudes presentadas tendo en conta os seguintes criterios e baremos de puntuación sobre un máximo de 26 puntos:

  1. Número de licenzas femininas na tempada deportiva 2023-2024 ou do ano 2024 no caso das modalidades deportivas cuxa tempada sexa anual. Ata un máximo de 16 puntos no caso das modalidades deportivas do apartado 1.1 e de 8 puntos no caso das modalidades deportivas do apartado 1.2.
  2. Porcentaxe de licenzas femininas con respecto ao total de licenzas da entidade na tempada 2023/2024 ou do ano 2024 no caso das modalidades deportivas cuxa tempada sexa anual. Ata un máximo de 5 puntos no caso das modalidades deportivas do apartado 2.1 e de 3 puntos no caso das modalidades deportivas do apartado 2.2.
  3. Porcentaxe de mulleres que integran a actual xunta directiva da entidade. Ata un máximo de 5 puntos.
Contía

A cantidade máxima destinada a estas subvencións será de 45.000 euros (corenta e cinco mil euros) que se fará efectiva con cargo á aplicación orzamentaria 2311 4890000 “Promoción da igualdade e do deporte feminino” e bolsa de vinculación xurídica do orzamento vixente do Servizo de Igualdade.

A subvención para cada entidade calcularase multiplicando o valor unitario do punto polos puntos obtidos.

  • Establécese a contía de 200 euros como contía mínima da subvención a conceder. As entidades que, pola súa puntuación, non acaden unha axuda igual ou superior a 200 euros quedarán excluídas.
  • Establécese a contía de 1.500 euros como contía máxima da subvención a conceder. Por conseguinte, as entidades que, pola súa puntuación, acaden unha axuda superior a 1.500 euros quedarán limitadas a esta contía.

En calquera caso, o importe total das subvencións e axudas percibidas de distintas entidades públicas e privadas non poderá superar o custo da actividade subvencionada.

No caso de quedar crédito libre, este repartirase entre as beneficiarias de forma proporcional aos puntos obtidos, tendo en conta o límite da contía máxima da axuda ou, de ser inferior, da contía solicitada pola entidade.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 13 de xuño de 2024 e rematará o 26 de xuño de 2024.

Máis información

Acceso ó trámite de procedemento

       Código de procedemento: BDNS: 766658

Consulta as Bases reguladoras das subvencións do Servizo de Igualdade a entidades deportivas sen ánimo de lucro do Concello de Vigo para a promoción do deporte feminino na tempada 2023/2024 ou do ano 2024 no caso das modalidades deportivas cuxa tempada sexa anual.

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Departamento de Apoio ás Asociacións, chamando ao teléfono 986 42 33 66.

O contido desta presentación ten unicamente fins informativos;  en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *