Obxecto
Destinar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais que teñan lugar entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2024. Así como reforzar e desenvolver as capacidades do sector cultural e incrementar a actividade cultural no noso territorio, entendida como un motor de cambio, dinamización e transformación social.
A concesión destas subvencións divídese en dúas liñas, respectivamente:
- Liña 1: promoción e protección do patrimonio, así como á dinamización cultural da provincia para apoiar o desenvolvemento da oferta cultural das zonas menos poboadas e promover e difundir así as nosas tradicións e as distintas manifestacións culturais.
- Liña 2: unha liña específica destinada á participación en festivais, certames e intercambios de carácter nacional e internacional, fóra da comunidade autónoma de Galicia
Persoas beneficiarias e requisitos
Poderán solicitar estas subvencións as entidades culturais que reúnan os seguintes requisitos:
- Carecer de fins de lucro.
- Ter o domicilio fiscal na provincia de Pontevedra.
- Non estar incursas en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para percibir subvencións públicas.
- Non estar incursas en ningunha das prohibicións para percibir subvencións recollidas na lei.
- Estar ao corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal Tributaria, coa Facenda autonómica, coa Seguridade Social e coa Deputación de Pontevedra.
Só se poderá conceder unha subvención por entidade no ámbito desta convocatoria.
Accións subvencionables
A través desta liña de subvencións preténdense activar procesos culturais na provincia de Pontevedra, e, excepcionalmente, fóra da comunidade autónoma de Galicia cando teñan relevancia para os intereses provinciais, que afonden nos vínculos individuais e sociais co territorio, ofrecendo novas oportunidades laborais, de emprego estable e de calidade no eido cultural nas contornas rurais.
As accións subvencionables serán as seguintes:
Para a Liña I:
- As actividades para a posta en valor do patrimonio inmaterial propio das vilas e comarcas da nosa provincia (costumes, tradicións, etnografía, crenzas e mitos).
- Os festivais, as mostras, os encontros e os certames culturais.
- Os certames e as actividades de posta en valor da pintura, da escultura, da arquitectura e da banda deseñada.
Para a Liña II:
- Participación en festivais, certames ou concursos nacionais e internacionais.
- Intercambios culturais para potenciar o patrimonio musical e cultural fóra da comunidade autónoma de Galicia.
Quedan excluídas dentro desta liña:
- As actividades subvencionadas no mesmo exercicio a través doutras convocatorias de subvencións ou plans provinciais da Deputación.
- Os gastos de funcionamento das entidades, os gastos correntes, os gastos bancarios, os gastos de persoal da propia entidade e as actividades xerais que se realizan ao longo de todo o ano.
- As viaxes de lecer, as excursións, as festas gastronómicas e as festas populares.
- Os gastos gastronómicos, agás naqueles casos de intercambios culturais fóra da comunidade autónoma.
- As actividades que utilicen no seu desenvolvemento linguaxe sexista ou que empreguen a imaxe da muller como reclamo.
- As actividades educativas, formativas e obradoiros.
- As actividades de carácter deportivo.
- As actividades que ocasionen ou xustifiquen o maltrato de persoas ou animais.
- As adquisicións de bens ou os gastos que teñen a consideración de investimentos.
Criterios de valoración
A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva. Para a súa adxudicación teranse en conta os seguintes criterios:
- Ámbito xeográfico da actividade: local, provincial, autonómico, nacional ou internacional, ata 25 puntos.
- Orzamento total da actividade obxecto de subvención, ata 45 puntos.
- Porcentaxe solicitada de financiamento, ata 30 puntos.
Incompatibilidade e concorrencia
A concesión destas subvencións é compatible con outras que se reciban para o mesmo fin, tendo en conta que o conxunto de todas elas non supere o 100 % do custo da actividade ou do investimento que desenvolva a entidade beneficiaria.
Contía
Estas subvencións convócanse para o ano 2024 por un importe total de 300.000,00 euros, en dúas liñas de actuación:
- Liña 1 ………………. 250.000,00 €
- Liña 2 ………………. 50.000,00 €
O importe máximo da subvención que se conceda, en cada caso, non poderá exceder do 75 % do seu orzamento e o límite máximo por persoa beneficiaria será de 2.500,00 euros.
Se, tras repartir as cantidades en función do número e do importe das subvencións solicitadas, existise un aforro nunha das liñas subvencionadas, este poderase trasladar á outra liña de subvención, e veranse incrementados os proxectos subvencionables.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes rematará o 27 de xuño de 2024.
Máis información
Acceso ó código de tramitación:
Código de tramitación: SIA 215186
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Departamento de Apoio ás Asociacións, chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.