O festival paralelo ao GFFF – Galician Freaky Film Festival pensado para os nenos e nenas chega coa súa quinta edición.
O festival ampliase a dúas xornadas, 20 e 21 de setembro, e xa están dispoñibles as entradas na web do festival.
13.08.2025 | O GFFF – Galician Freaky Film Festival vén de anunciar unha nova edición do Pequefreak – O meu primeiro festival, o festival de cinema paralelo ao GFFF pensado para iniciar aos nenos e nenas no marabilloso mundo do cinema freak e fantástico.
A V edición do Pequefreak celebrarase os días 20 e 21 de setembro no C.C. Plaza Elíptica, e dentro deste, na sala Apo’strophe.arte e nos Cines Tamberlick. Un evento único na contorna de Vigo no que os cativos poden desfrutar da experiencia de vivir o seu primeiro festival de cinema.
O gran éxito que esta iniciativa tivo no ano 2024 levou á organización do festival a ampliar o evento a dúas xornadas nas que as familias e os seus pequenos e pequenas desfrutarán de máis actividades e máis proxeccións baixo o lema Se es pequeno e es freak, vén ao Pequefrek!
PROGRAMACIÓN INTERNACIONAL, FOCO ESPECIAL EN PORTUGAL E MÁIS MAD DOCTORS
Este ano os e as pequefreaks poderán gozar novamente dunha selección oficial de curtametraxes pensadas por e para eles. Serán un total de tres bloques de proxección, conformados por 20 curtametraxes chegadas de países como Lituania, Xapón, Canadá, Francia ou Corea do Sur, con presenza tamén de curtametraxes feitas en Galicia. Do total de obras, 12 serán vistas por primeira vez pola audiencia do Pequefreak xa que 2 serán premiers mundiais, 3 estréanse en España e 7 en Galicia.
Complementará estas proxeccións, unha sesión especial do festival convidado nesta edición de 2025, Lobo Mau a sección infantil do MotelX o Festival Internacional de Cinema de Terror de Lisboa, un dos eventos de xénero referentes do país veciño o cal celebra este ano a súa 19º edición. Os pequefreaks gozarán dunha coidada selección de curtametraxes na que poderán comprobar a calidade das pezas que compiten na sección infantil dun dos festivais fantásticos más importantes de Europa.
O gran remate do festival virá co peliculón. Seguindo coa liña editorial da #9 edition do GFFF – Galician Freaky Film Festival, os pequefreaks escacharán co seu propio mad doctor cunha das comedias máis divertidas e imaxinativas dos anos 80: Cariño, he encogido a los niños (Joe Johnston, 1989).Unha oportunidade única de ver en pantalla grande este filme protagonizado polo emblemático Rick Moranis.
UNHA PROGRAMACIÓN PENSADA PARA CREAR CANTEIRA
O Pequefreak contará tamén coa celebración do exitoso obradoiro de efectos especiais prácticos impartido polo artista Ricardo Spencer. Este taller convértese en cada edición nun dos espazos máis agardados polos e polas pequefreaks, que desfrutan aprendendo técnicas profesionais mentres dan renda solta á súa imaxinación. O entusiasmo e a creatividade que esperta este obradoiro está a demostrar que o Pequefreak non só é un festival para gozar, senón tamén unha auténtica canteira de futuros artistas do cine e os efectos especiais. As inscricións para participar poden reservarse para o sábado 20 ou o domingo 21 e están xa dispoñibles na web do festival.
XURADO PEQUEFREAK E NOVO PREMIO
Como novidade para esta edición, o Pequefreak contará cun xurado formado por pequefreaks de entre 9 e 11 anos, os cales entregarán o novo Gran Premio Pequefreakque se outorgará a curtametraxe infantil máis freak. Os interesados en formar parte deste especial xurado poden inscribirse na web do festival ata o próximo 22 de agosto.
9 ANOS DE ABSOLUTO FREAKISMO
O Galician Freaky Film Festival é o evento de cinema e cultura freak definitivo. Desde 2017 trae á cidade olívica unha coidada selección nacional e internacional de curtametraxes de xénero. Pezas moitas veces inéditas en Galicia e España, só desfrutables nalgúns dos mellores festivais do mundo.
Unha abraiante selección de obras, unha coidada programación de actividades paralelas e un ambiente único fan que cada ano aumente o exército de freaks que se achegan a Vigo para gozar do GFFF, unha experiencia que vai alén do cinematográfico e que se converte nunha auténtica experiencia de comunidade freak.
Un festival único na nosa contorna, que cada ano gaña máis adeptos e que por méritos propios xa falan del como o festival de cinema máis divertido de Galicia, e un dos festivais de xénero da península ibérica que non te podes perder.
RRSS do Festival: Instagram, Facebook, Bluesky, Telegram, Youtube.




