SUBVENCIÓNS PARA ENTIDADES PRIVADAS SEN ÁNIMO DE LUCRO CO FIN DE REALIZAR PROGRAMAS DE CARÁCTER SOCIOSANITARIO NO ANO 2025

Ata o 09 de septembro!! ¿Traballas cunha entidade sen ánimo de lucro e desenvolves programas sociosanitarios?
Xa está aberta a convocatoria de subvencións para 2025! Estas axudas buscan apoiar iniciativas que melloren a atención, rehabilitación e integración de persoas con necesidades especiais, desde enfermidades neurodexenerativas ata síndrome de Down.
Non perdas a oportunidade de impulsar a autonomía e o benestar das persoas do teu colectivo.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para as entidades privadas sen ánimo de lucro co fin de desenvolver programas de carácter sociosanitario no ano 2025, ao longo do período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 31 de outubro de 2025. Os ditos programas están destinados a realizar actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas con especiais necesidades de atención sociosanitaria asociadas ás enfermidades neurodexenerativas (incluíndo alzhéimer, demencias e párkinson), trastorno do espectro autista, dano cerebral adquirido, parálise cerebral, enfermidades raras, epilepsia, linfedema ou síndrome de Down.

A finalidade desta axuda é aumentar a autonomía, paliar as posibles limitacións e favorecer a rehabilitación e integración das persoas que compoñen os ditos colectivos.

ENTIDADES BENEFICIARIAS 

-Para seren beneficiarias das axudas publicadas nesta orde, as entidades deberán cumprir os seguintes requisitos:

  1.  Ser unha entidade privada sen ánimo de lucro que teña explicitamente entre os seus fins estatutarios a realización de actividades de apoio e axuda ao colectivo a que se dirixen os programas de atención sociosanitaria para os cales se solicita subvención, destinados a colectivos de persoas afectadas por enfermidades neurodexenerativas (incluíndo alzhéimer, demencias e párkinson), trastorno do espectro autista, dano cerebral adquirido, parálise cerebral, enfermidades raras, epilepsia, linfedema ou síndrome de Down.
  2. Estar legalmente constituídas, polo menos con dous anos de anterioridade con respecto á data de publicación desta convocatoria, coa excepción das federacións recentemente constituídas que estean integradas maioritariamente por asociacións cunha antigüidade que sexa superior aos dous anos.
  3. Dispoñer dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo como tal a existencia de local/locais e o domicilio social nela, e comprometerse, así mesmo, a desenvolver as actividades subvencionadas dentro do seu territorio.
  4. Ter un horario mínimo de atención ao público de vinte (20) horas semanais, destinadas a dar información e prestar axuda dun xeito prioritario aos colectivos afectados.
  5. Dispoñer de estrutura técnica e capacidade suficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos propostos no programa presentado, así como experiencia operativa na súa posta en funcionamento.

-Dentro dos límites da lexislación autonómica, tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica nos seguintes termos:

  1.  Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no punto anterior.
  2.  Deberán indicar os compromisos asumidos por cada un dos seus membros e o importe da subvención que se vai aplicar a cada un deles.
  3.  Deberán nomear unha persoa en representación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

– As entidades que formen parte dunha federación ou persoa xurídica similar de ámbito autonómico poderán solicitar as axudas a través destas.

PROGRAMAS SUBVENCIONABLES

  1.  Os programas subvencionables serán programas de carácter sociosanitario no eido da rehabilitación fisioterapéutica, logopédica, cognitiva, terapia ocupacional e apoio psicolóxico, destinados á atención e rehabilitación dos colectivos correspondentes ás seguintes liñas de actuación:
  • Liña I: enfermidades neurodexenerativas (incluíndo alzhéimer, demencias e párkinson).
  • Liña II: trastorno do espectro autista.
  • Liña III: dano cerebral adquirido, parálise cerebral e epilepsia.
  • Liña IV: enfermidades raras, linfedema e síndrome de Down.

2. Os programas obxecto de subvención deberán levarse a cabo entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 31 de outubro de 2025.

3. As entidades só poderán solicitar axuda para un único programa.

GASTOS SUBVENCIONABLES 

a) Que, de maneira indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada ao abeiro do correspondente programa e resulten estritamente necesarios. O programa e as actuacións que abrangue deberán coincidir co contido da resolución de concesión da subvención e, se é o caso, coas modificacións autorizadas, e deberase acreditar o cumprimento das obrigas establecidas na normativa aplicable.

b) Consideraranse gastos pagados os realizados desde a data de inicio do programa en 2025 ata o 31 de outubro de 2025 e efectivamente pagados ata o 31 de outubro de 2025. Exceptuaranse aqueles gastos cuxos pagamentos se deban efectuar nun momento posterior por se axustaren aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) no momento do seu pagamento.

c) Que teñan a seguinte natureza:

  • 1º. Gastos do persoal laboral da entidade
  • 2º. Gastos de persoal en réxime de arrendamento de servizos.
  • 3º. Axudas de custo e gastos de viaxe
  • 4º. Gastos de xestión e administración directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa
  • 5º. Outros gastos correntes directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa.

d) Tamén son subvencionables os gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, notariais e rexistrais, e os gastos periciais para a realización do proxecto subvencionado e os de administración específicos directamente relacionados coa actividade subvencionada, se son indispensables para a súa axeitada preparación ou execución, así como os gastos de garantía bancaria. Non obstante, en ningún caso serán subvencionables os xuros debedores das contas bancarias.

CONTIA

A contía solicitada non poderá superar os 12.000 € nin ser inferior a 4.000 €.

Cálculo das contías das subvencións

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

Para valorar os diferentes puntos deste artigo, só se terán en conta os que estean debidamente xustificados. A Comisión de Valoración, para avaliar as solicitudes, terá en conta os seguintes criterios:

  1. Valoración da entidade solicitante (0-30 puntos):
  2. Valoración dos programas (0-70 puntos)

PRAZO DE SOLICITUDE

Prazo de presentación das solicitudes ata o 11 de septembro de 2025

MÁIS INFORMACIÓN

Consulta:

ORDE do 16 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para entidades privadas sen ánimo de lucro co fin de realizar programas de carácter sociosanitario no ano 2025

Código de procedemento:  SA803

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, pódeste poñer en contacto co noso Departamento de Apoio ás Asociacións, chamando ao teléfono 986 42 33 66.

O contido desta presentación é só para fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *