Estas bases teñen por obxecto definir o conxunto de condicións e o proceso que se seguirá para a concesión, seguimento e xustificación de axudas dirixidas a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais que teñan lugar entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025.
A finalidade destas axudas é reforzar e desenvolver as capacidades do sector cultural e incrementar a actividade cultural no noso territorio, entendida como un motor de cambio, dinamización e transformación social.
Beneficiarios
Poderán solicitar estas subvencións as entidades culturais que reúnan os seguintes requisitos:
• Carecer de fins de lucro.
• Ter o domicilio fiscal na provincia de Pontevedra.
• Non estar incursas en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para percibir subvencións públicas.
• Non estar incursas en ningunha das prohibicións para percibir subvencións recollidas na lei.
• Estar ao corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), coa Seguridade Social e coa Deputación de Pontevedra.
Non poderán beneficiarse destas subvencións as ANPA, as comisións de festas, os clubs deportivos nin as asociacións que teñan pendentes de xustificar subvencións para actividades culturais concedidas no exercicio anterior.
Só se poderá conceder unha subvención por entidade, en cada unha das liñas, no ámbito desta convocatoria.
Actividades subvencionables
Serán subvencionables as actividades que se desenvolvan no período que comprende desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2025 no ámbito territorial da provincia de Pontevedra e, excepcionalmente, fóra da comunidade autónoma de Galicia cando teñan relevancia para os intereses provinciais que se describen a continuación as actividades elixibles:
Liña 1:
• As actividades para a posta en valor do patrimonio inmaterial propio das vilas e comarcas da nosa provincia (costumes, tradicións, etnografía, crenzas e mitos).
• Os certames e as actividades de posta en valor da pintura, da escultura, da arquitectura e da banda deseñada.
• Os festivais, as mostras, os encontros e os certames culturais.
• Festivais ou actividades de relevancia para os intereses provinciais de promoción da nosa cultura e as nosas tradicións fóra da comunidade autónoma de Galicia, que teñan unha antigüidade de polo menos dúas edicións consecutivas anteriores á data de publicación desta convocatoria.
Liña 2:
• Participación en festivais, certames ou concursos nacionais e internacionais.
• Intercambios culturais para potenciar o patrimonio musical e cultural fóra da comunidade autónoma de Galicia.
Quedan excluídos desta convocatoria, e polo tanto non serán obxecto de subvención, os seguintes conceptos:
• As actividades subvencionadas no mesmo exercicio a través doutras convocatorias de subvencións ou plans provinciais da Deputación.
• Os gastos de funcionamento das entidades, os gastos correntes, os gastos bancarios, os gastos de persoal da propia entidade e as actividades xerais que se realizan ao longo de todo o ano.
• As viaxes de lecer, as excursións, as festas gastronómicas e as festas populares.
• Os gastos gastronómicos, agás naqueles casos de intercambios culturais fóra da comunidade autónoma.
• As actividades que utilicen no seu desenvolvemento linguaxe sexista ou que empreguen a imaxe da muller como reclamo.
• As actividades educativas, formativas e obradoiros.
• As actividades de carácter deportivo.
• As actividades que ocasionen ou xustifiquen o maltrato de persoas ou animais.
• As adquisicións de bens ou os gastos que teñen a consideración de investimentos.
Contía
O importe máximo da subvención que se conceda, en cada caso, non poderá exceder do 75 % do seu orzamento e o límite máximo por persoa beneficiaria será de dous mil cincocentos (2.500,00) euros.
Se, tras repartir as cantidades en función do número e do importe das subvencións solicitadas, existise un aforro nunha das liñas subvencionadas, este poderase trasladar á outra liña de subvención, e veranse incrementados os proxectos subvencionables.
Prazo
Ata o 9 de xuño
Máis información
O contido desta presentación é só para fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.




