Obxecto
Concesión dos Premios #Mulleres no Foco, en réxime de concorrencia competitiva, cuxa finalidade é incentivar, apoiar e recoñecer o papel das profesionais galegas do audiovisual para incidir de forma directa na súa participación e promoción no sector.
Beneficiarios e premios
Mulleres profesionais no audiovisual galego, preferentemente aquelas que poseen unha obra realizada e presentada ou un labor profesional especialmente salientable levado a cabo durante o ano 2023, ou tamén a súa traxectoria profesional consolidada.
Estes premios estarán suxeitos á retención do IRPF correspondente á lexislación vixente no momento da resolución.
Antes da entrega dos premios, as persoas premiadas deberán declarar responsablemente que están ao corrente das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, coa Facenda autonómica da Xunta de Galicia, coa Seguridade Social e coa Deputación de Pontevedra.
O xurado reservará o dereito a declarar deserto algún dos premios.
Xurado
As premiadas serán seleccionadas por un xurado, nomeado para estes efectos mediante unha resolución presidencial, que estará composto por:
- Presidenta: a xefa do Servizo de Igualdade ou a persoa en quen delegue
- Secretaria: unha técnica do Servizo de Igualdade
- Vogais:
— O xefe do Servizo de Cultura ou a persoa en quen delegue.
— Unha persoa designada pola Academia Galega do Audiovisual.
— Unha persoa designada pola Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA).
— Unha persoa designada pola CIMA.
— Unha persoa designada pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).
— Unha persoa designada pola Asociación Sindical de Guionistas (AGAG).
— Unha persoa designada pola Coordinadora Galega de Festivais (Proxecta).
— Unha persoa designada pola Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI).
O xurado analizará as candidaturas presentadas e valorará tendo en conta a traxectoria e o talento das candidatas, a inclusión da perspectiva de xénero nos seus traballos, e o activismo na defensa e no recoñecemento do talento feminino no sector audiovisual.
O xurado poderá contar coa presenza e coa asistencia de expertas e expertos nas diferentes áreas e solicitar canta información adicional considere oportuna para a súa resolución.
Incompatibilidade e concorrencia
As persoas premiadas nas pasadas edicións dos Premios #Mulleres no Foco non poderán ser propostas para esta nova edición.
Contía
Os fondos destinados a estes premios irán con cargo á aplicación orzamentaria 24/250.2315.480.03 do Orzamento ordinario do organismo provincial e o importe máximo ascende a quince mil (15.000) euros.
Haberá tres (3) premios con cadansúa dotación económica de cinco mil (5.000) euros.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes comezará o 20 de setembro de 2024 e rematará o 21 de outubro de 2024.
Máis información
Consulta as Bases Reguladoras da cuarta edición dos premios #Mulleres no Foco
Código de procedemento: BDNS: 786021
Acceso ó trámite.
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Departamento de Apoio ás Asociacións, chamando ao teléfono 986 42 33 66 ou mandando un correo electrónico ó enderezo obradoiro.emprego@maiv.org.
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.