I ANDAINA POPULAR VALLE INCLÁN

Programación pechada!! Soutomaior e Redondela únense para impulsar unha ruta dedicada a Valle-Inclán.Non o penses e anímate!

Unha ducia de asociacións veciñais e culturais de Soutomaior e Redondela uniron as súas forzas para impulsar a I Andaina Popular Valle-Inclán, unha ruta de senderismo de 12 kilómetros de lonxitude e dificultade media entre Reboreda e o Castelo de Soutomaior. A marcha festexarase o próximo domingo, día 15, con saída ás 9.00 horas dende o Pazo da Reboraina e a duración aproximada será de catro horas. Os asistentes desfrutarán dun pincho ao chegar aos xardíns da fortaleza medieval de Soutomaior para recuperar forzas. O regreso ao punto de partida realizarase en autobús, tamén sen coste para os usuarios.

O número de prazas limitarase a un máximo de 160 persoas e, aínda  que é de balde, requírese inscrición previa ata o venres 13, que pode realizarse a través da páxina www.gabinetesoutomaior.com ata completar aforo.

A iniciativa, organizada polos Concellos de Soutomaior e Redondela, conta coa colaboración das comunidades de montes de O Viso, Arcade de Riba, Moreira e Ventosela, as asociacións veciñais Pozovello e SC do Viso, AVDC da Miñoteira, Alén Nós, Irmandiñas e a parroquia de Reboreda.

Percorrido de 1895

Esta ruta de senderismo dedicada a Ramón María do Valle-Inclán nace coa idea de facer unha actividade en común entre colectivos dos dous municipios para poñer en valor o patrimonio cultural, etnográfico e natural rememorando o percorrido que realizou o célebre dramaturgo, poeta e novelista galego o 29 de agosto de 1895 con motivo dunha xuntanza no Pazo da Reboraina. Valle-Inclán, que por aquel entonces contaba con 28 anos, realizou a pé o percorrido entre Soutomaior e Reboreda acompañado de varios personaxes destacados do ámbito cultural, social e político da época.

Esa ruta, da que o próximo verán se cumprirán 130 anos, serve agora como punto de partida para a andaina popular coa que se porá en valor a figura de Valle-Inclán e a riqueza paisaxistica, etnográfica e cultural de Soutomaior e Redondela, xa que percorre os montes das parroquias de Reboreda, Ventosela, O Viso e Moreira e atravesa o río Alvedosa, o monte do Espiño cunhas vistas espectaculares da ensenada de San Simón, A Peneda ou os petroglifos de Ventosela, entre outros lugares emblemáticos.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *