Obxecto
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convoca estas subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa FSE+Galicia 2021-2027, co obxectivo de reforzar a empregabilidade e as habilidades e competencias profesionais das persoas mozas non ocupadas, contribuíndo á mellora da súa formación para a súa incorporación ao mercado de traballo.
Beneficiarios
- Entidades privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas, domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia e que desenvolvan actividades no eido da mocidade e/ou do emprego, e cumpran os requisitos establecidos na convocatoria.
Requisitos das persoas mozas participantes nos programas de estadías formativas-programa Xuventude Mentoring na Empresa
- Ter feitos os 18 anos e e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente do SNGX.
- Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.
- Estar inscritas no SNGX e figurar como beneficiarias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Poderán participar persoas mozas anteriormente beneficiarias do Xuventude Mentoring na Empresa.
Para o caso de que concorran máis persoas mozas candidatas que prazas ofertadas, no proceso selectivo teranse en conta uns criterios mínimos de avaliación.
Fases dos programas de estadías formativas-programa Xuventude Mentoring na Empresa
Os programas de estadías formativas-programa Xuventude Mentoring na Empresa das entidades beneficiarias da subvención deberán respectar as seguintes 3 fases:
Organización e planificación: inclúe a convocatoria para a selección das persoas mozas participantes, que será obxecto de publicidade, o proceso selectivo e a preparación en competencias laborais, busca das empresas ou entidades en que se desenvolvan as estadías.
As empresas ou entidades en que se realicen as estadías formativas deberán ser galegas ou ter centros de traballo en Galicia e estar vinculadas aos seguintes sectores económicos estratéxicos para a nosa comunidade:
- Aeronáutica.
- Agroalimentación.
- Biotecnoloxía
- Automoción.
- Enerxías renovables
- Madeira/forestal.
- Metalmecánico.
- Naval.
- Pedra natural.
- Téxtil/moda.
- Tecnoloxías da información e da comunicación.
- Calidade de vida e benestar.
Execución e seguimento das actividades: realización das estadías formativas nas empresas/entidades seleccionadas e seguimento durante a súa realización; titorización das estadías e realización de itinerarios personalizados de inserción das persoas participantes.
Avaliación e seguimento posterior á realización das estadías formativas: inclúe a avaliación dos resultados de aprendizaxe obtidos polas persoas participantes durante a actividade que suporá a realización como mínimo dunha xornada de orientación laboral co fin de facilitar a súa inserción laboral, antes do vencemento do prazo de xustificación da subvención.
As tres fases teñen que estar interrelacionadas e deseñadas para asegurar que cada persoa moza recibe a atención necesaria para maximizar a efectividade de cada programa.
Duración e características dos programas
- As estadías formativas poderán comezar a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de concesión das subvencións e unha vez aceptada esta e rematado o proceso e deberán finalizar, como data límite, o 31 de marzo de 2025.
- Os programas de estadías formativas-programa Xuventude Mentoring na Empresa deberán cumprir as seguintes condicións:
- Contar cun mínimo de 10 e un máximo de 25 persoas mozas participantes que reúnan os requisitos establecidos no artigo anterior.
- O período de realización de estadías formativas nas empresas ou entidades será dun mínimo de 3 e un máximo de 4 meses consecutivos, agás causa xustificada, motivada por escrito.
- As horas formativas nas empresas ou entidades en que se realicen as estadías terán unha duración mínima de 100 horas mensuais e un mínimo de catro días semanais. Estas horas deberán acreditarse mediante unha proba documental de asistencia diaria ás estadías formativas.
- As estadías formativas desenvolveranse nas empresas ou entidades coas cales se asinaron os acordos nos termos establecidos nesta orde.
- As entidades participantes que estean vinculadas a algún dos sectores económicos estratéxicos poderán acoller ata un máximo do 20 % de participantes para a realización das estadías na propia entidade.
Recursos humanos mínimos dos programas de estadías formativas-programa Xuventude Mentoring na Empresa
- Unha persoa responsable do programa, que o coordine e xestione durante toda a súa duración. A súa porcentaxe media de dedicación ao programa durante todas as fases non poderá ser inferior ao 10 % da xornada completa.
- Unha persoa que exerza a figura de titor/a encargado/a do seguimento da formación das persoas participantes nas estadías e que titorice, xunto coa persoa responsable de cada empresa, as estadías formativas. A súa porcentaxe media de dedicación ao programa durante todas as fases non poderá ser inferior ao 75 % da xornada completa.
Gastos subvencionables
- Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento dos programas.
- O período de subvencionabilidade dos ditos gastos será desde o día seguinte ao da publicación das bases reguladoras ata o 15 de abril de 2025.
- Nesta convocatoria incorporase o establecemento dun método de custos simplificados conforme o disposto nos artigos 53.1.d), 56.1 e 56.2 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, do 24 de xuño. En todo caso o importe máximo da axuda que se concederá a cada entidade beneficiaria establécese en 140.000 €
- Serán subvencionables en concepto de custos directos de persoal:
- As retribucións salariais brutas totais do persoal de nova contratación incorporado cunha dedicación do 100 % ao programa, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade contratante.
- As retribucións salariais brutas totais do persoal propio da entidade, sen limitación porcentual, correspondentes ao tempo dedicado á execución das actividades descritas no artigo anterior, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora.
- No caso de contratación mercantil para a realización de actividades de formación, serán subvencionables os custos de persoal que formen parte da prestación do servizo externo, sempre que o persoal sexa necesario para o desenvolvemento da actividade subvencionada, e o custo pola súa contratación estea claramente identificado e detallado na factura.
- Serán subvencionables en concepto doutros custos directos:
- A elaboración e deseño de materiais e guías formativas.
- A organización das estadías e as actividades formativas e visitas a empresas.
- Os gastos de publicidade para a organización e difusión da actividade subvencionada.
- Os gastos de seguros destinados a cubriren continxencias de risco derivadas da actuación subvencionada.
- Os gastos de transporte e axudas de custo por desprazamentos das persoas mozas participantes e das persoas titoras e responsables do programa. As axudas de custo por desprazamento das persoas mozas participantes non poderán ser inferiores a 100 euros/mes cando o concello do centro de realización da estadía formativa non sexa o mesmo que o concello de residencia.
- Serán subvencionables en concepto de custos indirectos: os gastos correntes que non se corresponden en exclusiva á actividade subvencionada por ter carácter estrutural e que resulten necesarios para o seu desenvolvemento, como gastos en bens consumibles e en material funxible, comunicacións, gastos de alugamento e de mantemento de instalacións.
- Para a determinación do importe subvencionable correspondente aos outros custos directos e indirectos, segundo os números 5 e 6 anteriores, será subvencionable por estes conceptos o resultado de aplicar o 40 % aos custos directos de persoal subvencionable, segundo o previsto no número 4.
- Adicionalmente, de acordo co previsto no artigo 56.2 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, os salarios e indemnizacións aboados ás persoas mozas participantes terán a consideración de custo subvencionable adicional non incluído no tipo fixo, polo que serán subvencionables, de forma independente ao resto de conceptos e aboadas a custo real, as bolsas de formación outorgadas ás persoas mozas participantes en concepto de salario ou indemnización. Estas bolsas non poderán ser inferiores á metade do salario mínimo interprofesional en cómputo anual, coas pagas extras incluídas e polos meses de duración das estadías formativas, vixente no momento da publicación destas bases reguladoras, incrementándose en 100 euros/mes para o caso de persoas mozas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.
Financiamento
A distribución de créditos fíxase do seguinte xeito: para o cofinanciamiento de programas de estadías formativas en Galicia vinculadas a sectores estratéxicos presentadas por entidades privadas sen ánimo de lucro, con sede permanente ou domicilio social en Galicia, distribuída do seguinte xeito:
- Anualidade 2024 cun orzamento de 800.000 €
- Anualidade 2025 cun orzamento de 200.000 €
Criterios de avaliación
- A puntuación máxima por programa será de 100 puntos.
- Os criterios xerais de avaliación para os programas de estadías formativas-programa Xuventude Mentoring na Empresa son:
- Programas que teñan como destinatarios/as como mínimo un 10 % de persoas mozas con discapacidade superior ou igual ao 33 %; e/ou vítimas de violencia de xénero ou persoas cuxas proxenitoras a sufrisen; e/ou persoas en risco de exclusión social: 10 puntos.
- Melloras en recursos humanos respecto dos mínimos exixidos (ata 20 puntos).
- Melloras na formación complementaria das persoas mozas participantes (ata 12 puntos).
- Ter asinados acordos con empresas ou entidades para a realización das estadías formativas no momento de solicitar o programa (ata 16 puntos).
- Compromisos globais de inserción laboral adquiridos nos acordos coas empresas/ entidades en que se desenvolverán as estadías formativas (ata 21 puntos).
- Programas nos cales máis do 60 % das persoas mozas participantes nas estadías formativas as desenvolvan en empresas/entidades situadas en concellos rurais: 11 puntos.
- Ter xestionado en Galicia nos últimos catro anos programas específicos de mellora da empregabilidade destinados ás persoas mozas ou formar parte como entidade colaboradora do programa Xuventude Mentoring: 10 puntos.
No caso de empate na puntuación entre varias entidades solicitantes das subvencións e co fin de determinar a orde de prelación entre programas que obtiveron a mesma puntuación, fíxase como sistema de desempate:
- A maior valoración que realizase a Comisión de Avaliación en cada un dos criterios que se reflicten no número 2 deste artigo e seguindo a orde establecida nel.
- De persistir o empate, a orde de entrada da solicitude.
As entidades solicitantes que cumpran os requisitos exixidos e non sexan propostas como adxudicatarias inicialmente por esgotarse o crédito orzamentario correspondente pasarán a conformar unha lista de agarda por rigorosa orde de puntuación obtida.
Incompatibilidades
As subvencións establecidas nesta convocatoria son incompatibles con calquera outro tipo de subvencións de institucións públicas, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, destinadas a actividades similares coa mesma finalidade.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes comeza o 9 de agosto de 2024 e rematará o 9 de setembro de 2024.
Máis información
Código de procedemento: BS324D
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación podes poñerte en contacto co noso Departamento de Apoio ás Asociacións chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.