Obxecto
Fináncianse as accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia de xénero desempregadas para a realización de servizos de interese xeral e social, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.
Requisitos dos servizos que se vaian prestar
a)Os servizos que se desenvolvan mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social, e deberán cumprir os seguintes requisitos:
- Seren prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.
- Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e a práctica profesionais das persoas desempregadas que se vaian contratar.
- Que se presten ou executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos non supere os nove meses desde a súa data de inicio, cando a xornada sexa a tempo completo. En caso de contratacións a tempo parcial, do 50 % ou do 75 %, esta duración máxima poderá estenderse ata os doce meses. As subvencións para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero poderán ter unha duración de doce meses, que deberá iniciarse dentro do exercicio 2024.
- En todo caso, as entidades beneficiarias deberán acreditar que as persoas contratadas no marco deste réxime de axudas non están afectas ao desenvolvemento dunha actividade económica conforme o establecido pola xurisprudencia comunitaria.
- Os contratos subvencionados por esta orde serán incompatibles co exercicio de funcións directivas na entidade beneficiaria. Con tal finalidade, cubrirase a declaración responsable que se contén na solicitude, en que se fará constar que ningunha das persoas que exercen funcións directivas na entidade, a partir da data de publicación da presente orde, nin os seus cónxuxes, ascendentes, descendentes ou demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, van ser contratadas ao abeiro da presente subvención.
- Tendo en conta a súa natureza e finalidade, estes contratos non poderán realizarse baixo a modalidade de teletraballo ou traballo a distancia.
b)Considérase que os servizos se desenvolven no marco de proxectos singulares se son promovidos por entidades que cumpran, como mínimo, unha das seguintes condicións:
- Prestar servizos a entidades prestadoras de servizos sociais, no ámbito autonómico (federacións).
- Prestar servizos a colectivos de máis dunha área de actuación (RUEPSS), no ámbito autonómico.
- Prestar servizos a persoas con discapacidade, inclusión, en risco de exclusión social, comunidade, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, e ter 100 ou máis profesionais no seu cadro de persoal.
En todo caso, será a entidade solicitante a que opte por un proxecto ordinario ou un proxecto singular na súa solicitude.
Costes subvencionables
- Os contratos subvencionables cubrirán os gastos salariais e de Seguridade Social das persoas traballadoras contratadas.
- En ningún caso serán cubertos polos contratos subvencionables os seguintes conceptos:
- A indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores.
- Os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.
- As vacacións pagadas, pero non desfrutadas.
- As horas extras ou traballos realizados fóra da xornada habitual de traballo.
- Custos salariais en caso de baixas temporais.
- No suposto de baixas temporais:
a)No caso de substitución da persoa traballadora titular, só serán subvencionables os contratos que recollan os custos que ocasiona a persoa traballadora substituta. A entidade beneficiaria da subvención deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións comporten.
b)No caso de que non se substitúa a persoa traballadora titular, deberán reintegrarse os gastos salariais correspondentes ao período de baixa.
- No suposto de reducións da xornada laboral:
a)No caso de contratar unha persoa traballadora adicional, só serán subvencionables os contratos que recollan os custos ata completar a redución da xornada. A entidade beneficiaria da subvención deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións comporten.
b)No caso de que non se contrate unha persoa traballadora adicional para completar o período subvencionado, deberán reintegrarse os gastos salariais correspondentes á redución da xornada.
Incompatibilidades e concorrencia
Estas subvencións serán incompatibles con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade, procedentes de fondos de políticas activas de emprego.
Os contratos subvencionados serán incompatibles co exercicio de funcións directivas na entidade beneficiaria.
Contía
- A subvención que percibirán as entidades beneficiarias por realizar as contratacións consistirá nunha contía por cada unha delas, calculada tomando como referencia os custos salariais e de Seguridade Social das persoas que se van contratar, nos termos previstos no parágrafo seguinte.
- A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas contratadas polo número de meses de duración do contrato, cun mínimo de 9 meses, e polo importe do módulo que corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social, conforme a seguinte escala en que se conteñen os importes máximos subvencionables ao abeiro desta convocatoria:
– Para o grupo de cotización 1: 2.815,00 €.
– Para o grupo de cotización 2: 2.450,00 €.
– Para o grupo de cotización 3: 2.245,00 €.
– Para o grupo de cotización 4: 1.972,00 €.
– Para o grupo de cotización 5: 1.950,00 €.
– Para o grupo de cotización 6: 1.920,00 €
– Para o grupo de cotización 7: 1.890,00 €
– Para o grupo de cotización 8: 1.860,00 €.
– Para o grupo de cotización 9: 1.830,00 €.
– Para o grupo de cotización 10: 1.800,00 €
- No caso de contratacións a tempo parcial, do 50 % ou do 75 %, a contía da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada.
- Para os efectos do incentivo á mobilidade xeográfica, a subvención será de 180 € mensuais por cada beneficiaria do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero contratada, que reúna os requisitos para percibila.
- Establécense como límites á contratación de persoas traballadoras, en función do ámbito territorial de actuación recollido no RUEPSS, agás no caso de entidades con proxectos singulares, os da seguinte ligazón.
Entidades de ámbito comarcal ou municipal: máximo 2 contratos. Establécese un límite máximo da contía da subvención por entidade de 210.000 €
No caso de existiren remanentes orzamentarios tras a aplicación da repartición establecida no parágrafo anterior, poderanse incrementar os máximos establecidos nunha contratación adicional, comezando polas solicitudes que obtivesen a puntuación máis alta, ata esgotar o crédito dispoñible.
- As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade, procedentes de fondos de políticas activas de emprego.
- O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, que non procedan de fondos de políticas activas de emprego, doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se establece.
Criterios de valoración
Os criterios de valoración específicos que se aplicarán aos proxectos presentados polas entidades, que cumpran os requisitos anteriormente citados, seguirán a seguinte puntualidade.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes comezará o 13 de agosto de 2024 e rematará o 12 setembro de 2024.
Máis información
Código de procedemento: TR352A
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Departamento de Apoio ás Asociacións, chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.