SUBVENCIÓNS DO SERVIZO DE IGUALDADE DO CONCELLO DE VIGO A ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO DO CONCELLO PARA A REALIZACIÓN DE PROGRAMAS DE PROMOCIÓN DAS MULLERES DO ANO 2025

Ata o 22 de xuño está aberto o prazo para a subvención de financiación dos gastos ocasionados polo desenvolvemento de programas de promoción das mulleres, se a túa entidade sen ánimo de lucro o leva a cabo, le máis aquí!

Estas subvencións teñen por obxecto contribuír a financiar os gastos ocasionados polo desenvolvemento de programas de promoción das mulleres que leven a cabo as entidades sen ánimo de lucro do Concello de Vigo entre o 1 de novembro de 2024 e o 31 de outubro de 2025  (ambos incluídos) e atendan a algunha/s das seguintes finalidades:

  1. Atender ás necesidades das mulleres a través de accións en áreas clave como igualdade educativa, conciliación, emprego, saúde e loita contra a violencia de xénero.
  2. Fomentar o investimento en iniciativas que melloren a presenza e permanencia das mulleres en sectores nos que están infrarrepresentadas e en situacións de vulnerabilidade.
  3. Promover actividades destinadas exclusivamente a homes en ámbitos tradicionalmente feminizados para romper estereotipos de xénero.
  4. Apoiar o asociacionismo feminino e a participación activa das mulleres en espazos de decisión e actuación social.
  5. Crear novas vías de intervención que combatan os roles sexistas mediante accións innovadoras en contextos sociolaborais, educativos e familiares.
  6. Impulsar actividades que poñan en valor a achega histórica das mulleres mediante a investigación, a educación e a cultura.
  7. Visibilizar e recoñecer o papel das mulleres nos sectores pesqueiros e mariñeiros, tanto tradicionais como modernos.
  8. Ofrecer formación cultural, artística e de competencias básicas que mellore a autonomía das mulleres.
  9. Organizar actividades de lecer que favorezan o benestar integral das mulleres e a súa conexión social.
  10. Sensibilizar e formar en igualdade de oportunidades a través de contidos específicos impartidos por profesionais acreditadas.

Beneficiarios

Poderán solicitar e obter estas axudas as entidades sen ánimo de lucro que reúnan os seguintes requisitos:

  1. Sede social ou delegación en Vigo: A entidade debe ter a súa sede no municipio de Vigo.
  2. Inscrición no Rexistro Municipal de Asociacións: Deben estar correctamente inscritas no Rexistro de Asociacións do Concello de Vigo na data de presentación da solicitude.
  3. Obxectivos e finalidades coincidentes: As actividades e fins da entidade deben coincidir cos obxectivos establecidos nas bases da convocatoria.
  4. Estrutura e capacidade suficientes: A entidade debe ter a estrutura adecuada para garantir o cumprimento dos obxectivos propostos.
  5. Estar ao corrente das obrigas tributarias e de Seguridade Social: A entidade debe estar ao día nas súas obrigas fiscais co Concello de Vigo, a Axencia Tributaria, a Xunta de Galicia e a Seguridade Social.
  6. Cumprir a normativa de subvencións: Deben cumprir os requisitos establecidos nas leis de subvencións de Galicia e a lexislación estatal relacionada (Lei 9/2007, Lei 38/2003 e Real Decreto 887/2006).

Actividades subvencionables

Son gastos subvencionables os que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten necesarios para a organización e o desenvolvemento do programa obxecto de subvención. Só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados dentro do período subvencionable.

  • Serán subvencionables os gastos contratados con empresas externas para levar a cabo a actividade, como a contratación de monitorado ou a elaboración de materiais.

En xeral, non se subvencionarán retribucións de persoal propio, salvo en dous casos:

  • b.1) Persoal contratado especificamente para a actividade subvencionada (como monitorado ou docentes), podendo cubrirse o 100% das retribucións, incluíndo pagas extras e cotizacións sociais, sempre que se demostre que foi contratado unicamente para esa actividade.
  • b.2) Persoal xa contratado pola entidade só será subvencionable se está encargado da coordinación da actividade, cun límite do 20% da súa remuneración líquida mensual e xustificación mediante nóminas.
  • Tamén se poderán subvencionar gastos indirectos como luz, teléfono, aluguer de espazos necesarios (non o local social), mantemento web ou asesoramento, sempre que estean vinculados á actividade, non sexan subvencionados por outra vía no mesmo ano e non superen o 10% dos gastos directos.

Actividades non subvencionables

  • Non se subvencionan os gastos de persoal propio da entidade, salvo os de coordinación nos termos permitidos; só é subvencionable o persoal contratado especificamente para o programa.
  • Non se admiten gastos de desprazamentos fóra do concello, administración, xestión, seguros (excepto de responsabilidade civil vinculados ao programa), investimentos, equipamento, nin alugueiro ou mantemento do local social.
  • Non se subvencionan gastos en bebidas alcohólicas nin atencións protocolarias (como catering ou espectáculos), salvo que o Servizo de Igualdade autorice excepcionalmente os últimos por ser necesarios para os obxectivos do programa.

Contía

  • O importe de cada subvención poderá cubrir ata o 100 % do custo total do programa subvencionado, cun límite máximo de 3.000 euros por entidade beneficiaria e por programa.
  • No caso de que un mesmo programa sexa organizado conxuntamente por varias entidades solicitantes, a axuda total concedida para ese programa non poderá superar, en ningún caso, os 3.000 euros no conxunto das entidades participantes.

Prazo

Ata o 22 de xuño

Máis información

Consulta a BASES REGULADORAS E ANEXOS DAS SUBVENCIÓNS DO SERVIZO DE IGUALDADE DO CONCELLO DE VIGO A ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO DO CONCELLO PARA A REALIZACIÓN DE PROGRAMAS DE PROMOCIÓN DAS MULLERES DO ANO 2025

O contido desta presentación é só para fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *