Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2025, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas a financiar a contratación, por parte das entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero para mellorar e facilitar a súa inserción laboral coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas.
A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu apoderamento, reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.
ENTIDADES BENEFICIARIAS
Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde:
- As entidades sen ánimo de lucro.
- As cooperativas sen ánimo de lucro segundo o establecido na disposición adicional cuarta da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que acrediten o cumprimento das previsións da dita lei respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.
Requisitos:
a) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.
b) Cumprir os requisitos e as condicións establecidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Exclusions
Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as empresas privadas, as administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.
Incompatibilidades e concorrencia
As subvencións para as actuacións recollidas nesta convocatoria son incompatibles con calquera outra axuda pública, ou incentivo á contratación, para a mesma actuación e contratación outorgada por calquera Administración pública, coa excepción das bonificacións ou reducións de cotas nas cotizacións á Seguridade Social legalmente establecidas.
REQUISITOS DA CONTRATACIÓN
1. As contratacións polas cales se conceda a subvención deberán cumprir os seguintes requisitos:
- Que sexan executadas polas entidades beneficiarias en réxime de administraciódirecta.
- Que a duración dos contratos sexa, como mínimo, de seis (6) meses.
- Que a contratación sexa para xornada de traballo a tempo completo ou a tempo parcial non inferior ao 50 por 100.
- Que a entidade beneficiaria dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo dos gastos non subvencionables ao abeiro desta orde, se for o caso.
- Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e a práctica profesional das mulleres contratadas.
- Que a súa execución ou prestación se realice nun centro de traballo situado na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Con independencia da duración do contrato ou, de ser caso, do contrato para a substitución da traballadora que cause baixa, o período subvencionable non poderá exceder os doce meses.
CONTIA
A contía da subvención que se lles concederá ás entidades sen ánimo de lucro beneficiarias será, por cada muller que sofre violencia de xénero contratada a tempo completo, a resultante de aplicar o método de custos simplificados elaborado consonte o disposto nos artigos 53.1.b) e 53.3.a).i) do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.
Como criterios xerais, e para os efectos de poder asignar correctamente o custo unitario que corresponda en cada caso, indícanse as características de titulación e postos para ocupar dos distintos grupos profesionais.
PRAZO DE SOLICITUDE
Prazo de presentación das solicitudes ata o 22 de maio del 2025
Máis información
Consulta:
Código de procedemento: SI461B
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación é só para fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.




