SUBVENCIÓNS PARA PROGRAMAS DE EMPREGO CON APOIO

Se buscas favorecer a integración laboral das persoas con discapacidade ou en situación de risco de exclusión social con especiais dificultades para a súa inserción laboral e eres unha asociación ou empresa de inserción laboral, esta oportunidadade é a túa!
Obxecto

Financiar os custos laborais e da Seguridade Social derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio, tanto no caso de novas contratacións como no caso de persoas preparadoras laborais que veñen prestando servizos na entidade.

Beneficiarios  

Poderán promover proxectos de emprego con apoio e ser beneficiarias das correspondentes subvencións as seguintes entidades:

  1. As asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro que subscriban o correspondente convenio de colaboración, segundo o previsto no artigo 9, coa empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social ás cales se lles vai prestar o emprego con apoio.
  1. Os centros especiais de emprego, cualificados e inscritos como tales no Rexistro administrativo de centros especiais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, que subscriban un convenio de colaboración, segundo o previsto no artigo 9, coa empresa que vai contratar persoas traballadoras con discapacidade procedentes do cadro de persoal do mesmo centro ou doutros centros especiais de emprego.
  1. Tamén as empresas de inserción, debidamente inscritas no Rexistro de empresas de inserción da Comunidade Autónoma de Galicia que subscriban convenio de colaboración coa empresa que vai contratar persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social procedentes do cadro de persoal da mesma empresa ou doutras empresas de inserción.
  1. As empresas do mercado ordinario de traballo, incluídas as persoas traballadoras autónomas, con domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, que contraten as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que poidan ser beneficiarias das accións de apoio, sempre que conten no seu cadro de persoal con persoas preparadoras laborais especializadas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10, e que dispoñan dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento axeitado dos programas de emprego con apoio.

As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total das persoas.

Requisitos

1.Respecto ás asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro:

  • Ter por obxecto social, a inserción laboral ou a creación de emprego a favor de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.
  •  Ter experiencia acreditada no desenvolvemento de programas de integración laboral de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.
  •  Desenvolver as actividades de emprego con apoio de modo gratuíto, sen que caiba o cobramento ou a percepción de ningún tipo de cantidade ou tarifa a persoas traballadoras ou empresarios e empresarias.
  • Contar no seu cadro de persoal con persoas preparadoras laborais especializadas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10, así como dispor dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento axeitado dos programas de emprego con apoio. 

2.Estes dous últimos tamén son requisitos para os centros especiais de emprego e empresas de inserción.

Accións subvencionables
  1. Este programa subvenciona ás entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio no financiamento dos custos laborais e de Seguridade Social derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio, tanto nos casos de novas contratacións como nos casos de persoas preparadoras laborais que veñen prestando servizos na entidade.
  2. As accións de emprego con apoio desenvolveranse no marco de proxectos de emprego con apoio, nos cales se deberán recoller, polo menos, as seguintes accións:

a) Orientación, asesoramento e acompañamento á persoa traballadora apoiada, elaborando para cada persoa traballadora un programa de adaptación ao posto de traballo.

b) Labores de achegamento e axuda mutua entre a persoa traballadora beneficiaria do Programa de emprego con apoio, o empregador ou empregadora e o persoal da empresa que comparta tarefas coa persoa traballadora apoiada.

c) Apoio á persoa traballadora no desenvolvemento de habilidades sociais e comunitarias, de modo que se poida relacionar coa contorna laboral nas mellores condicións.

d) Adestramento específico da persoa traballadora apoiada nas tarefas inherentes ao posto de traballo.

e) Seguimento da persoa traballadora apoiada e avaliación do proceso de inserción no posto de traballo. Estas accións terán por obxecto a detección de necesidades e a prevención de posibles ameazas ou riscos, tanto para a persoa traballadora como para a empresa que a contrata, que poñan en perigo o obxectivo de inserción e a permanencia no emprego.

f) Asesoramento e información á empresa sobre as necesidades e os procesos de adaptación do posto de traballo.

Gastos subvencionables
  • Gastos relativos ás persoas preparadoras laborais e das actuacións desenvolvidas coas persoas con discapacidade ou situación ou risco de exclusión social que recibiron as accións de apoio, segundo o modelo que consta na sede electrónica da Xunta de Galicia.
  • Os custos reais, relacionando os desprazamentos aos concellos polos cales se xustifica a subvención, segundo o modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Incompatibilidades e concorrencia

Son compatibles coas subvencións reguladas na Orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego(código de procedemento TR341K).

Contía

Os incentivos corresponden ós seguintes importes: 

a) 8.500 euros anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas na liña a.1) do artigo 8, contratada a xornada completa.

b) 5.500 euros anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas na liña a.2) do artigo 8, contratada a xornada completa.

c) 3.500 euros anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas nas liñas b), c) ou d) do artigo 8, contratada a xornada completa.

d) 1.625 euros anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas nas liñas e) do artigo 8, contratada a xornada completa. 

  •  A contía base reducirase proporcionalmente en función da duración do contrato de cada persoa traballadora con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que recibe o apoio, así como en función da súa xornada no suposto de que o contrato sexa a tempo parcial.
  • Así mesmo, a contía base poderá incrementarse nas porcentaxes que se sinalan a seguir:
  •   Un 25 % se posúe a condición de: Ser muller, persoa maior de 45 anos, persoa emigrante retornada ou estranxeira, no caso de que o centro de traballo da entidade solicitante estea situado nun concello rural, persoa trans.
  • En ningún caso a contía da axuda poderá superar o 100 % dos custos laborais e de Seguridade Social da persoa preparadora laboral contratada para o desenvolvemento da actividade de emprego con apoio (excluído o concepto de desprazamento). 
  •  Cando un mesmo preparador ou preparadora laboral teña que prestar apoios a persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social en centros de traballo ou empresas de concellos distintos ao do seu centro de traballo, poderase conceder unha subvención en concepto de custos de desprazamento nunha contía máxima de 2.500 € por persoa preparadora laboral, sempre e cando o concepto de desprazamento conste no recibo mensual de haberes.
Prazo

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro de 2024.

Máis información

Acceso ó trámite de procedemento

       Código de procedemento: TR342A

Consulta as Bases reguladoras do Programa de emprego con apoio e se procede á súa convocatoria para o ano 2024

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Departamento de Apoio ás Asociacións, chamando ao teléfono 986 42 33 66.

O contido desta presentación ten unicamente fins informativos;  en ningunha circunstancia ou contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *