Obxecto
Concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións en mercados e prazas de abastos de Galicia que teñan concedido o selo de Mercado Excelente ou estean no proceso previo á súa obtención, así como a dinamización e revitalización das prazas de abastos e mercados de Galicia.
Beneficiarios e requisitos
Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os requisitos establecidos:
- Os concellos galegos que conten cun mercado co selo de Mercado Excelente outorgado de conformidade coa Orde do 4 de xaneiro de 2017 pola que se regula o procedemento para a obtención do selo de Mercado Excelente na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 13, do 19 de xaneiro), ou aqueles que estean no proceso para a súa obtención.
Hai que ter en conta que os concellos deberán cumprir coa obriga de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio nos termos previstos no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
- As federacións e asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de asociacións de vendedores de prazas de abastos, o número de membros asociados deberá supoñer, como mínimo, o 50 % dos postos ocupados na praza de abastos. Para estes efectos, contarán como unha unidade os postos ocupados polo/a mesmo/a praceiro/a.
As federacións e asociacións deberán ter unha antigüidade mínima de tres anos na data de 19 de xullo e atoparse ao día na obriga de aprobación das contas anuais pola xunta directiva nos dous últimos exercicios previos.
Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, non poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.
Accións subvencionables
- Para os Concellos: pódense ver nesta ligazón
- Para as asociacións de prazas de abastos e mercados
Consideraranse subvencionables as actuacións de dinamización e revitalización das prazas de abastos e mercados desenvolvidas no marco dun proxecto de incentivación da demanda comercial e do consumo en que as persoas comerciantes e consumidoras sexan as destinatarias finais.
En concreto, consideraranse actuacións subvencionables:
- O mantemento dos marketplace cun investimento máximo subvencionable de 1.500,00 €.
- As campañas de dinamización comercial desenvolvidas no marco dun proxecto de incentivación do consumo ou de atracción de clientes, habituais ou potencias, que conten coa participación directa dos/das praceiros/as asociados/as e as persoas consumidoras.
- A fidelización de clientela a través das seguintes actuacións subvencionables:
-A loxística e-commerce.
-Os tíckets de aparcamento que, en todo caso, deben estar vinculados a unha venda cun investimento máximo subvencionable de 3.000,00 €.
-As APP de fidelización (puntos de desconto ou similares), cun investimento máximo subvencionable de 2.000,00 €.
- O equipamento persoal dos/das praceiros/as coa imaxe común e corporativa do mercado, o equipamento dos postos e equipamentos comúns do mercado.
- Os gastos imputables ás unidades xerenciais derivados da formulación, execución e seguimento do proxecto obxecto da subvención, cun límite de 4.000,00 € de subvención, incluído salario e seguridade social.
Respecto ós gastos non subvencionables podes consultalos na seguinte ligazón.
A porcentaxe da subvención acadará o 80 % do investimento máximo subvencionable, sen que en ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poida ser superior ao valor de mercado.
O investimento máximo subvencionable é de 14.000,00 €
- Para as federacións de prazas de abastos e mercados
Consideraranse subvencionables as actuacións de dinamización e revitalización das prazas de abastos e mercados desenvolvidas no marco dun proxecto de incentivación da demanda comercial e do consumo no que as persoas comerciantes e consumidoras sexan as destinatarias finais.
En concreto, consideraranse actuacións subvencionables:
- O mantemento dos marketplace cun investimento máximo subvencionable de 1.500,00 €.
- A dinamización comercial a través das seguintes actuacións:
- Campañas de promoción comercial en datas ou períodos comerciais.
- Organización de eventos de promoción comercial.
- Calquera outra campaña de dinamización, animación e promoción comercial.
En todo caso, cada actividade deberá amosar a participación directa das asociacións de
comerciantes integradas na entidade beneficiaria ou dos/das praceiros/as asociados/as, de ser o caso. Pódese coñecer máis acerca dos gastos subvencionables e non subvencionables nesta ligazón.
A porcentaxe da subvención acadará o 80 % do investimento máximo subvencionable, sen que en ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poida ser superior ao valor de mercado.
O investimento máximo subvencionable é de 43.750,00 €.
Incompatibilidades e concorrencia
As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra da mesma ou distinta consellería para os mesmos conceptos subvencionables e a mesma persoa beneficiaria
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes comezará o 20 de xullo de 2024 e rematará o 19 de agosto de 2024.
Máis información
Código de procedemento:IN223A
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Departamento de Apoio ás Asociacións, chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.