Obxectivo
A Axencia Galega da Industria Forestal establece este sistema de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais
Beneficiarios
- As comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) e as pequenas e medianas empresas, incluídas as persoas autónomas, que conten con domicilio social ou cun centro de traballo radicado en Galicia.
- E as cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, que desenvolvan a súa actividade en Galicia.
Requisitos
- O obxectivo das actuacións deberá estar encadrado nas liñas 1.1 (código de procedemento MR502B) e 2.1. (código de procedemento MR502F)
- Deberán executarse dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e estar realizadas e efectivamente pagadas durante o período de execución que se establece no punto 4 da convocatoria.
- En ningún caso o custo dos investimentos elixibles poderá superar o valor de mercado.
- Configúranse como requisitos específicos de cada unha das liñas de apoio:
a) Liña 1.1:
– A edificación proxectada deberá estar destinada a un uso residencial colectivo, industrial (incluídos os vinculados á transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais), comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario-asistencial, educativo, cultural ou deportivo, segundo as definicións recollidas no anexo XVI.
– O proxecto deberá incluír unha nova edificación ou a intervención nunha preexistente mediante a súa rehabilitación ou reforma, segundo as definicións recollidas no anexo XVI.
– No caso de uso residencial colectivo, o proxecto deberá incluír unha edificación en altura con madeira, segundo a definición recollida no anexo XVI.
– O proxecto deberá incluír a realización total ou parcial da estrutura empregando produtos de madeira ou derivados da madeira.
– O proxecto deberá estar asinado por un técnico competente e visado polo correspondente colexio profesional, en función da súa natureza.
– O sumatorio dos custos previstos no proxecto e correspondentes aos produtos de madeira ou derivados da madeira e a súa colocación con finalidade estrutural, dos sistemas de compartimentación, envolvente e acabamentos, excluíndo os das carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabamentos interiores suporá o 20 % do orzamento de execución material do proxecto.
c) Liña 2.1:
– A obra terá por obxecto a edificación de obra nova, rehabilitación ou reforma de naves e establecementos de negocio para uso residencial colectivo, industrial, comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario-asistencial, educativo, cultural ou deportivo, segundo as definicións recollidas no anexo XVI.
– No caso de uso residencial colectivo, a obra terá por obxecto unha edificación en altura con madeira, segundo a definición recollida no anexo XVI.
– A estrutura da edificación será realizada total ou parcialmente empregando produtos de madeira ou derivados da madeira.
– O sumatorio dos custos correspondentes aos produtos de madeira ou derivados da madeira e a súa colocación con finalidade estrutural dos sistemas de compartimentación, envolvente e acabamentos excluíndo os das carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabamentos interiores suporá, cando menos, o 20 % dos custos de execución material da obra finalizada.
Exclusións
Non poderán obter a condición de beneficiarias:
- Aquelas persoas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
- Aquelas persoas que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de subvencións pola Axencia Galega da Industria Forestal nos últimos 2 anos.
- Aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 sinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. As empresas solicitantes deberán declarar na súa solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria. A Axencia Galega da Industria Forestal utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requiriralle ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos para a verificación do requisito.
- As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000,00 euros e cando as persoas solicitantes sexan suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Accións subvencionables
As subvencións teñen por obxecto contribuír a fomentar o uso da madeira como elemento estrutural mediante as seguintes liñas de apoio:
- Liña 1.1: axudas á redacción de proxectos de construción nova, rehabilitación ou reforma de vivendas en altura, naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais. E sufragar os custos dos honorarios técnicos de redacción dos proxectos técnicos e proxectos de edificación correspondentes ás actuacións subvencionables. Os proxectos de obras de edificación poderanse redactar nunha única fase ou dividirse en proxecto básico e proxecto de execución.
- Liña 2.1: axudas á utilización de produtos de madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma de vivendas en altura, naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais e custos correspondentes aos produtos de madeira ou derivados da madeira e a súa colocación con finalidade estrutural, dos sistemas de compartimentación, envolvente e acabamentos, excluíndo os das carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabamentos interiores.
**Os investimentos tanxibles e/ou intanxibles deberán ser bens novos. No caso de investimentos en activos intanxibles, para seren considerados subvencionables, deberán cumprir estas condicións:
1º. Empregaranse exclusivamente na persoa beneficiaria da axuda.
2º. Adquiriranse a terceiros en condicións de mercado sen que o adquirente estea en posición de exercer control sobre o vendedor ou viceversa.
Non subvencionables
Non se considerarán subvencionables en ningunha das liñas:
a) O imposto sobre o valor engadido que sexa recuperable conforme a normativa nacional, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables conforme a normativa nacional, sen prexuízo do establecido para os instrumentos financeiros.
b) Taxas de permisos ou licenzas.
c) Custo do visado colexial.
d) Custos dos honorarios técnicos correspondentes á redacción do anteproxecto, á dirección de execución, á dirección de obra ou á coordinación da seguridade e saúde en fase de execución.
e) Os demais que se recollen no artigo 29.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Contía
Liña 1.1:
A intensidade máxima de axuda será do 50 % do gasto subvencionable; porén, esta porcentaxe poderá verse incrementada
O importe máximo da subvención non superará en ningún caso os 35.000,00 euros.
Liña 2.1:
A intensidade máxima de axuda será do 50 %; porén, esta porcentaxe poderá verse incrementada:
- Nun 10 % se se emprega, cando menos, un produto de madeira ou derivado da madeira que proceda de montes galegos xestionados de forma sustentable (PEFC ou FSC); para demostrar a dita orixe e calidade deberán garantir a súa rastrexabilidade mediante o uso da plataforma pública e gratuíta da Xunta de Galicia, denominada Fortra.
- Nun 10 % se se emprega, cando menos, un produto de madeira ou derivado da madeira que dispoña da marca de garantía Pino de Galicia.
- Estas porcentaxes poderán ser acumulativas até un 70 % do gasto subvencionable.
- O importe máximo da subvención non superará, de modo xeral, os 20.000,00 euros; poderá incrementarse a súa contía ata:
-30.000,00 euros, cando o solicitante declare responsablemente que os custos correspondentes aos produtos de madeira e a súa colocación con finalidade estrutural e dos sistemas de compartimentación, envolvente e acabamentos (excluíndo as carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabamentos interiores) suporán, cando menos, o 30 % dos custos de execución da obra finalizada.
-40.000,00 euros, cando o solicitante declare responsablemente que os custos correspondentes aos produtos de madeira e a súa colocación con finalidade estrutural e dos sistemas de compartimentación, envolvente e acabamentos (excluíndo as carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabamentos interiores) suporán, cando menos, o 40 % dos custos de execución da obra finalizada.
**Adicionalmente, no caso de que a obra realizada teña a consideración de edificación en altura segundo a definición recollida no anexo XVI, a contía da subvención incrementará a súa contía en 20.000,00 euros por cada planta piso ou alta.
Resérvanse as seguintes porcentaxes da dispoñibilidade orzamentaria, segundo as diferentes liñas:
a) Liña 1.1: 1.060.000,00 €.
b) Liña 1.2: 440.000,00 €.
c) Liña 2.1: 2.200.000,00 €.
d) Liña 2.2: 1.300.000,00 €.
**Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes comenzará o 13 de abril de 2024 e rematará o 2 de maio de 2024.
Máis información
Consulta a RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2024, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais
Acceder ao procedemento de tramitación:
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co Departamento de Apoio ás Asociacións, chamando ao teléfono: 986 42 33 66.
O contido desta presentación é só para fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.