Obxectivo
Fomento do turismo deportivo (aumento pernoctacións e económico) na provincia de Pontevedra, en réxime de concorrencia competitiva.
Beneficiarios e requisitos
Clubs deportivos e asociacións que organicen eventos deportivos de interese turístico que reúnan os seguintes requisitos:
- Carecer de fins de lucro.
- Ter o domicilio social na provincia de Pontevedra ou, excepcionalmente, fóra desta cando a actividade para a que se solicita a subvención teña interese para a provincia.
- Non ter a condición de Administración Pública.
- Estar ao corrente das obrigacións tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) e coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA).
- Non ter débedas coa Deputación de Pontevedra.
- Estar ao corrente de pago coa Seguridade Social.
- Non estar incursa en ningún dos supostos de prohibición para a percepción de axudas ou subvencións públicas, de acordo co especificado no artigo 13 da LXS.
- Non ter pendentes de xustificación subvencións anteriores pagadas anticipadamente pola Deputación de Pontevedra.
Accións subvencionables
A Deputación de Pontevedra concederá subvencións para o fomento da actividade turística baseada na dinamización e promoción dos eventos relacionados co deporte con repercusión turística, durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2024, que teñan lugar na provincia de Pontevedra.
Xa que logo, poderán ser obxecto de subvención as actividades que teñan como fin a organización de eventos deportivos de interese turístico relevante e con importante proxección mediática exterior.
Quedan excluídas desta convocatoria e non serán obxecto de subvención as seguintes actividades e investimentos:
- As actividades ou investimentos subvencionables, no mesmo exercicio, a través doutras convocatorias de subvencións ou plans provinciais da Deputación de Pontevedra.
- Os gastos de funcionamento de entidades, os gastos correntes, os gastos de persoal da propia entidade e as actividades xerais que se realicen ao longo de todo o ano.
- As viaxes de lecer e as excursións.
- As adquisicións de material inventariable, equipamentos ou calquera outro gasto que supoña un incremento para o patrimonio da persoa beneficiaria.
- Os gastos en investimentos de carácter inmaterial susceptibles de producir os seus efectos en varios exercicios futuros, coma a elaboración de vídeos utilizados en campañas de promoción turística.
Gastos subvencionables
Enténdense como tales os gastos relacionados co evento coma:
- A imputación dos soldos e salarios das persoas contratadas para a realización da actividade
- Alugueiro de edificios (salas, almacéns, etc.)
- Alugueiro da maquinaria ou útiles necesarios para á actividade
- Alugueiro de vehículos de transporte
- Alugueiro de mobiliario e enseres (mesas, sillas, etc.)
- Alugueiro de equipos informáticos e de plataformas virtuais (ordenadores, software,etc.)
- Canons, dereitos federativos, etc.
- Vestiario (equipacións, uniformes, etc.)
- Material técnico para a realización da actividade
- Comunicacións postais
- Seguros de responsabilidade civil, de accidentes, etc.
- Os trofeos ou medallas
- O gasto da contratación de prensa para a cobertura da actividade.
- Pancartas, carteis, lonas, folletos, etc.
- Material promocional (merchandising)
- Limpeza das instalacións
- Seguridade e vixilancia do evento
- A peritaxe ou valoración de xuíces ou árbitros
- Gastos de aloxamento de participantes e xuíces federativos.
Os gastos xustificados deberán axustarse aos conceptos e importes establecidos no orzamento inicial, non obstante, aceptaranse desviacións máximas dun 20 % no custo dos diferentes conceptos da actividade subvencionada con respecto ao orzamento inicial pormenorizado.
En virtude do disposto no artigo 31 da LXS, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo a contraer o compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado número suficiente de entidades que o realicen, presten ou fornezan, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á subvención.
Incompatibilidades e concorrencia
- A subvención concedida pola Deputación de Pontevedra será compatible con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, nacional, da UE ou de organismos internacionais.
- A subvención concedida é incompatible con outras axudas concedidas por outros servizos da Deputación de Pontevedra para a mesma finalidade no mesmo exercicio. No seu caso, a entidade deberá comunicar que é beneficiaria doutra subvención do organismo provincial, no seu caso.
Criterios de valoración
A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta para a súa adxudicación os seguintes criterios:
- Alcance e repercusión da actividade (ata 20 puntos).
- Número de deportistas non residentes na provincia que participaron en anteriores edicións ou previsión de participantes non residentes na provincia (ata 25 puntos).
- Número de pernoctacións xeradas polo evento (ata 25 puntos).
- Número de edicións do evento realizadas con anterioridade (ata 15 puntos).
- Se o evento deportivo ten carácter oficial recoñecido polos organismos competentes (ata 15 puntos).
Non se subvencionarán os proxectos que non alcancen unha puntuación mínima de 25 puntos.
Contía
Este programa de subvención financiarase co importe de cen mil (100.000,00) euros.
- Non poderá superar o 25 % do custo total do evento. O importe máximo da axuda para cada entidade beneficiaria establecerase en nove mil (9.000,00) euros.
- En ningún caso a contía total das subvencións poderá superar o custo real da actividade subvencionada. Para este efecto, en canto se teña coñecemento da obtención doutras subvencións para a mesma actividade, a persoa beneficiaria deberá comunicarllo á Deputación de Pontevedra.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes rematará o 3 de xullo de 2024.
Máis información
Acceso ó trámite de procedemento
Código de procedemento: SIA 3054789
Consulta as Bases Reguladoras das subvencións, en concorrencia competitiva, para o fomento da actividade turística baseado na dinamización e promoción dos eventos relacionados co deporte durante o ano 2024
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Departamento de Apoio ás Asociacións, chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.