SUBVENCIÓNS DESTINADAS AO FOMENTO DA CONTRATACIÓN, POR PARTE DE ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO, DE MULLERES QUE SOFREN VIOLENCIA DE XÉNERO

Programación pechada!! Eres unha entidade sen ánimo de lucro que aposta por fomentar o emprego neste colectivo vulnerable? Entonces isto interésache!
Obxecto

Establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2024, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas a financiar a contratación, por parte das entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero e contribuír a que acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu empoderamento reforzando ao mesmo tempo, as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.

Esta subvencións concederase cando a contratación se produza con posterioridade á data de 20 de agosto de 2024.

Entidades beneficiarias e requisitos

Poderán ser entidades beneficiarias da subvención:

a) As entidades sen ánimo de lucro.

b) As cooperativas sen ánimo de lucro, segundo o establecido na disposición adicional cuarta da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que acrediten o cumprimento das previsións da dita lei respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.

Requisitos:

  1. Para seren beneficiarias as entidades e as cooperativas relacionadas nos apartados anteriores deberán cumprir os seguintes requisitos: 

a) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

b) Cumprir os requisitos e condicións establecidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

  1. Todos os requisitos esixidos deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución dos programas subvencionados.
  2. As entidades sen ánimo de lucro que resulten beneficiarias non poderán contratar novamente ás mulleres que xa se contratasen con cargo ás axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 15 de xuño de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento SI461B).

Exclusións:

Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño nin as empresas privadas, as administracións públicas, as sociedades públicas, entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

Requisitos da contratación
  1. As contratacións polas cales se conceda a subvención deberán cumprir os seguintes requisitos: 

a) Que sexan executadas polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.

b) Que a duración dos contratos sexa, como mínimo, de 6 meses.

c) Que a contratación sexa para xornada de traballo a tempo completo ou a tempo parcial non inferior ao 50 por 100.

d) Que a entidade beneficiaria dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo dos gastos non subvencionables ao abeiro desta orde, se for o caso.

e) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e a práctica profesional das mulleres contratadas.

f) Que a súa execución ou prestación se realice nun centro de traballo situado na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Con independencia da duración do contrato ou, de ser o caso, do contrato para a substitución da traballadora que causase baixa, o período subvencionable non poderá exceder os doce meses.

Persoas destinatarias da actividade subvencionable

As persoas destinatarias finais serán as mulleres vítimas de violencia de xénero, incluídas as mulleres que padecesen violencia vicaria, e as mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, inscritas como demandantes de emprego, independentemente da súa situación laboral, no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Entenderase por mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia todas aquelas que cesasen a relación de convivencia ou dominación co agresor, e que acrediten a situación de violencia mediante algún dos documentos presentes na seguinte ligazón.

En todo caso, a documentación acreditativa da situación de violencia de xénero debe estar emitida ou asinada no prazo dos 24 meses anteriores á data de presentación da correspondente oferta por parte da entidade contratante na oficina de emprego ou á data de contratación.

Incompatibilidades e concorrencia

Estas subvencións son incompatibles con calquera outra axuda pública, ou incentivo á contratación, para a mesma actuación e contratación outorgada por calquera Administración pública.

Contía

 A contía da subvención que se concederá ás entidades sen ánimo de lucro beneficiarias será, por cada muller contratada a tempo completo, a resultante de aplicar o método de custos simplificados calculado consonte o disposto nos artigos 53.1.b) e 53.3.a) i) do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

Este método de custos simplificados consiste nun custo unitario mensual, en función do grupo profesional en que se atopen as traballadoras en cuestión, calculado segundo o disposto no Convenio colectivo de acción e intervención social 2022-2024 máis a cotización empresarial á Seguridade Social, no caso de que non se atope bonificada, segundo o seguinte cadro.

Esta convocatoria está cofinanciada nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 no obxectivo político 4.

  • O importe máximo inicial do crédito destinado poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 31.2 da Lei de subvencións de Galicia e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
  • Realizarase un pagamento do 100 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación das resolucións de concesión e, en todo caso, na anualidade 2024. As entidades beneficiarias quedan exoneradas da obriga de constituír garantías.
Prazo

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 21 de agosto de 2024 e rematará o  20 de setembro de 2024.

 

Máis información

Consulta a ORDE do 1 de agosto de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento SI461B).

Código de procedemento: SI461B

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Departamento de Apoio ás Asociacións, chamando ao teléfono 986 42 33 66.

O contido desta presentación ten unicamente fins informativos;  en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *