SUBVENCIÓNS  ÁS ENTIDADES DE ACCIÓN VOLUNTARIA E ENTIDADES LOCAIS NO PROGRAMA DE VOLUNTARIADO XUVENIL

Prazo pechado!! Se estás pendente das interesantes subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais para contratar persoas mozas de idades comprendidas entre 16 e 30 anos, xa están dispoñibles, non perdas a ocasión de informarte!
Obxecto

Concesión das subvencións a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, que realicen proxectos do dito programa desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2024, e proceder á súa convocatoria para o ano 2024.

Beneficiarios e requisitos

As entidades beneficiarias das axudas serán:

  1. As entidades de acción voluntaria e as entidades locais que realicen proxectos de voluntariado enmarcados no programa Servizo de voluntariado xuvenil do ano 2024.
  1. As entidades locais poderán concorrer á convocatoria de xeito individual ou conxuntamente baixo as fórmulas de agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar. Tamén poderán concorrer as entidades locais que sexan resultado dunha fusión doutras anteriores.

Requisitos:

a) Requisitos comúns para as entidades locais e demais entidades de acción voluntaria:

  1. Que estean legalmente constituídas, de conformidade coa natureza das ditas entidades e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia na data de 18 de xullo.

Non obstante, tamén poderán solicitar axudas as entidades non inscritas que, na data de 18 de xullo, teñan presentada a solicitude de inscrición na sección de entidades do referido Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

  1. Desenvolver os proxectos subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de persoas voluntarias.
  1. Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias que participen no proxecto presentado, durante todo o tempo de execución deste. 
  1. Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.
  1. Non estar incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13, números 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

b) Requisitos específicos aplicables ás entidades locais:

  1. Ter cumprida a obriga de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do último exercicio, no caso das entidades locais.
  1. En caso de agrupación de municipios, asociación, mancomunidade, ou calquera outra similar, todos e cada un deles deberán estar inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia para poder concorrer a esta convocatoria de subvencións.
Accións subvencionables

Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan persoas mozas de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos. Para as persoas menores de 18 anos precísase, ademais, autorización da nai, pai ou persoa que exerza a titoría legal.

Estes proxectos deberán realizarse no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e  desenvolveranse preferentemente nas actividades descritas nesta ligazón. 

Se queres saber máis acerca destas accións, podes consultar a seguinte ligazón.

Serán conceptos subvencionables, tamén,  entre outros, os custos orixinados pola participación das persoas voluntarias nos proxectos de acción voluntaria, de acordo co artigo 7.h) da Lei 10/2011, do 28 de novembro, relativo á mantenza e ao transporte.

En ningún caso os gastos indirectos que se imputen ás actividades para as cales se solicita a subvención poderán superar o 20 % do importe subvencionable efectivamente xustificado.

En ningún caso a contía da axuda outorgada poderá superar os 4.800 €, que correspondería a un proxecto de 8 persoas voluntarias colaborando 6 horas ao día por un total de 60 días; ou a contía de 12.000 €, que correspondería a un proxecto de 20 persoas voluntarias colaborando 6 horas ao día por un total de 60 días, naqueles casos en que se poidan solicitar ata un máximo de 20 persoas voluntarias.

Se queres saber máis acerca destes conceptos clica aquí.

Gastos subvencionables

Os gastos que deriven directamente das actividades de voluntariado realizadas e recollidas no proxecto presentado polas entidades recollidas no artigo 4.1, que así o soliciten e que se leven a cabo desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 31 de outubro de 2024, entre as cales se inclúen a contratación laboral de persoal técnico ou experto, os gastos de actividades inherentes ao desenvolvemento do proxecto, a adquisición de material funxible pero non inventariable, ou os seguros das persoas voluntarias que leven a cabo o proxecto durante o tempo de execución deste.

En ningún caso os gastos indirectos que se imputen ás actividades para as cales se solicita a subvención poderán superar o 20 % do importe subvencionable efectivamente xustificado.

Non se subvencionarán os gastos en bens inventariables e de investimentos, os xuros debedores das contas bancarias, as recargas e as sancións administrativas, nin os gastos de procedementos xudiciais.

Incompatibilidades e concorrencia

O importe das axudas e subvencións, en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións, supere o custo do proxecto subvencionable. 

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Contía

As axudas faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria por un importe de cento dous mil trescentos un euros con setenta céntimos (102.301,70 €) para entidades locais por un importe de cento trinta e cinco mil euros (135.000 €) para entidades de acción voluntaria, de acordo co establecido na Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

Da contía prevista para entidades locais resérvase un 15 % para as solicitudes presentadas conxuntamente como establece o artigo 3.2.

Poderase acordar, segundo as dispoñibilidades orzamentarias do momento, o incremento do crédito inicial establecido nesta convocatoria, tramitando o oportuno expediente orzamentario de xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes comezará o  19 de xullo de 2024 e rematará o 19 de agosto de 2024.

Máis información

Consulta a ORDE do 8 de xullo de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento BS320A). 

Código de procedemento: BS320A

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Departamento de Apoio ás Asociacións, chamando ao teléfono 986 42 33 66.

O contido desta presentación ten unicamente fins informativos;  en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *