SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DIRIXIDOS A PERSOAS EN SITUACIÓN DE EXPLOTACIÓN SEXUAL

Aberto o prazo ata o 30 de abril de subvencións para proxectos de información, prevención e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual e explotación sexual, así como de apoio ás súas vítimas. Se a túa entidade sen ánimo de lucro traballa nesta área, infórmate aquí!

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar para o ano 2025 as subvencións ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, e de proxectos de información, prevención e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual e explotación sexual, así como de apoio ás súas vítimas, preferentemente entre mulleres inmigrantes, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Beneficiarios

Entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que cumpran certos requisitos, como estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, ter domicilio en Galicia ou delegación na comunidade e cumprir a normativa de subvencións.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento das actuacións previstas nesta convocatoria as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que cumpran os seguintes requisitos: 

a) Estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

 b) Carecer de ánimo de lucro. 

c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma. 

d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade. 

e) Cumprir os requisitos e condicións establecidos nesta orde e na normativa xeral de subvencións. 2. Todos os requisitos exixidos deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución dos proxectos subvencionados.

Actividades subvencionables

  • Na liña 1 será subvencionable o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoiar a súa recuperación e integración social e laboral.

a) Atención inicial nos chamamentos realizados polas autoridades competentes, xudiciais, fiscais e policiais, para a atención inmediata ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral en asistencia social, legal ou psicolóxica.

b) Asesoramento social e actuacións de apoio directo nas relacións coas distintas entidades, organismos e servizos para a realización de trámites administrativos de diversa índole: sociais, sanitarios, policiais, xudiciais, laborais, de formación, e que permitan ás persoas beneficiarias iniciar o seu proceso de normalización social, así como atención, información e asesoramento continuado sobre os recursos; e acompañamento, apoio e seguimento no proxecto persoal de cada persoa usuaria.

c) Atención psicolóxica, para abordar posibles trastornos emocionais e/ou condutuais e na procura da súa recuperación persoal. Esta actuación só poderá ser realizada por profesionais con titulación en psicoloxía.

d) Asesoramento xurídico sobre os seus dereitos e deberes, así como para a tramitación de procedementos administrativos de diversa índole: autorizacións de residencia e traballo, revogacións de ordes de expulsión, reagrupamento familiar, retorno ao pais de orixe, cuestións laborais e civís, procesos de denuncia, xestións policiais, procesos penais. Esta actuación só poderá ser realizada por profesionais con titulación en dereito, ciencias xurídicas ou equivalente.

e) Orientación e asesoramento laboral, incluídas as actividades formativas; como formación básica (habilidades sociais, alfabetización, economía doméstica) e formación prelaboral e laboral, coa finalidade de facilitar e mellorar a súa empregabilidade e a súa inserción laboral.

f) Atención e asesoramento en traballo de rúa, co obxectivo de achegamento a aqueles lugares onde se poden atopar persoas vítimas de trata de seres humanos, en situación de explotación, para establecer encontros iniciais, achegándolles información sobre os recursos existentes e/ou información hixiénico-sanitaria, xurídica, social, de xeito que se permita o seu acceso ás actuacións normalizadas previstas neste artigo.

  • Na liña 2 serán subvencionables os proxectos de información, prevención e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual e explotación sexual, así como de apoio ás súas vítimas, preferentemente entre mulleres inmigrantes, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

a) Desenvolvemento de accións destinadas á sensibilización e concienciación social sobre a trata con fins de explotación sexual e a explotación sexual como formas de violencia contra as mulleres, e sobre a realidade das persoas que se atopan nesta situación, e que poderán incluír actuacións do seguinte tipo:

– Realización de actuacións de prevención, sensibilización e/ou información sobre a trata con fins de explotación sexual e a explotación sexual.

– Elaboración de materiais informativos, materiais didácticos, páxinas web, aplicacións para teléfonos móbiles, e outras ferramentas que teñan como obxectivo a información, prevención e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual e explotación sexual.

– Realización e difusión de estudos e investigacións que afonden no coñecemento da trata con fins de explotación sexual e da explotación sexual.

– Deseño e desenvolvemento de actividades formativas (cursos, conferencias, xornadas, seminarios), sobre trata con fins de explotación sexual e explotación sexual, dirixidas a colectivos profesionais e/ou a público en xeral.

b) Apoio directo ás vítimas de trata con fins de explotación sexual e de explotación sexual, a través de axudas económicas directas para cubrir necesidades básicas e puntuais de aloxamento, alimentación e hixiénico-sanitarias, para os casos de urxente desamparo, ou para cubrir gastos ocasionados polos traslados como consecuencia dos procesos xudiciais derivados da súa situación de explotación sexual e/ou trata con fins de explotación sexual.

Para a determinación do gasto subvencionable e do importe da subvención establécese o sistema de custo simplificado segundo custo unitario por hora efectivamente traballada por cada un/unha dos/das profesionais que leven a cabo actuacións de atención ás persoas usuarias. Segundo a actividade profesional que se vai desenvolver, o custo unitario por hora efectivamente traballada será de: 

euro/hora traballo efectivo

Contía

A contía máxima da axuda que se pode conceder a cada entidade ao abeiro da liña 1 de subvencións é de 70.000,00 euros,  en función da puntuación obtida na valoración realizada unha vez aplicados os criterios establecidos no artigo 16.1

A contía máxima da axuda que se pode conceder a cada entidade ao abeiro da liña 2de subvencións é de 18.000,00 euros , en función da puntuación obtida na valoración realizada unha vez aplicados os criterios establecidos no artigo 16.2.

Ata esgotar o crédito dispoñible, a contía da subvención calcularase aplicando ao gasto subvencionable as porcentaxes de intensidade de axuda que se indican a continuación:

  • Entre 95 e 100 puntos: 100 % do gasto subvencionable.
  • Entre 85 e 94 puntos: 80 % do gasto subvencionable.
  • Entre 75 e 84 puntos: 70 % do gasto subvencionable.
  • Entre 65 e 74 puntos: 60 % do gasto subvencionable.
  • Entre 55 e 64 puntos: 50 % do gasto subvencionable.
  • Entre 45 e 54 puntos: 40 % do gasto subvencionable.
  • Entre 35 e 44 puntos: 30 % do gasto subvencionable.

Non serán beneficiarias desta subvención as entidades que non acaden un mínimo de 35 puntos.

Prazo

Ata o 30 de Abril

Máis información

Consulta a  ORDE do 18 de marzo de 2025 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e de proxectos de información, prevención e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual e explotación sexual, así como de apoio ás súas vítimas, preferentemente entre mulleres inmigrantes, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de procedemento SI431A e SI431E).

Código de procedemento: SI431A e SI431E

O contido desta presentación é só para fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *