PROGRAMA DE FOMENTO DE ALOXAMENTOS TEMPORAIS, DE MODELOS COHOUSING, DE VIVENDAS INTERXENERACIONAIS E MODALIDADES SIMILARES.

Prazo pechado!! Descobre o Programa de Fomento de Aloxamentos Temporais e Cohousing! Obtén axudas económicas para crear vivendas accesibles, enerxéticamente eficientes e pensadas para a convivencia. Transforma a forma en que vives e únete a unha comunidade innovadora e acolledora!

Fomentar a vivenda cooperativa en cesión de uso e outras solucións residenciais modelo cohousing, aloxamentos temporais ou outras modalidades similares, destinados ao alugueiro, á cesión en uso ou ao goce temporal en calquera réxime admitido en dereito, xa sexan de titularidade pública ou privada.

Tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria.

Persoas beneficiarias 
  1. Persoas físicas maiores de idade que posúan a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que lle sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.
  2. As administracións públicas, os organismos públicos e demais entidades de dereito público e privado, así como as empresas públicas, privadas e público-privadas. 
  3. As fundacións, as empresas de economía social e as súas asociacións, cooperativas incluídas as de autopromoción ou autoconstrución, as organizacións non gobernamentais e as asociacións declaradas de utilidade pública, entidades sen ánimo de lucro e aquelas ás que se refire a disposición adicional quinta da Lei 7/1985, do 2 de abril.
Requisitos dos aloxamentos e as vivendas
  1. As promocións de aloxamentos de nova construción, así como as promocións de modalidades residenciais tipo cohousing, de vivendas interxeracionais ou similares que se vaian ceder en uso ou destinar ao alugueiro por un prazo de, polo menos, vinte anos. Inclúense, en ambos os dous casos, actuacións que procedan da rehabilitación de edificios. Este prazo computarase desde a primeira ocupación do edificio.
  2. O destino por un prazo de, polo menos, vinte anos ao alugueiro ou á cesión de uso deberá constar, en todo caso, en nota marxinal no rexistro da propiedade.
  3. As edificacións das promocións de nova construción ou procedentes da rehabilitación de edificios que se acollan ás axudas deste programa deberán ser accesibles e estar en condicións de ser habitadas e ter unha cualificación enerxética mínima A, tanto en emisións de CO2 como en consumo de enerxía primaria non renovable. Ademais, deberán cumprir a normativa de habitabilidade de vivendas de Galicia.
  4. Coa finalidade de favorecer a diversidade de tipoloxías de proxecto e de perfís socioeconómicos, estas axudas poderán solicitarse para a totalidade dos aloxamentos ou vivendas dunha promoción ou para unha parte delas.
Persoas arrendatarias e cesionarias das vivendas e contratos de alugueiro ou de cesión
  1. Os aloxamentos ou vivendas financiadas con cargo a este programa só poderán ser alugadas ou cedidas en uso a persoas cuxas rendas anuais, incluíndo as de todas as persoas que constitúan a unidade de convivencia, non superen cinco veces o IPREM no momento da subscrición do contrato de alugueiro ou de cesión de que se trate.
  2. Os contratos deberán presentarse, co anexo IV, para o seu visado pola área provincial do IGVS correspondente, no prazo máximo de seis meses, contado desde a primeira ocupación do edificio. O dito prazo poderá ser prorrogado por outro prazo de igual duración de concorrer causa xustificada.
  3. Igualmente, mentres dure o prazo de vinte anos de destino ao alugueiro ou á cesión de uso, as renovacións e prórrogas dos contratos de alugueiro ou de cesión deberán presentarse, xunto co anexo IV, na área provincial do IGVS correspondente para o seu visado.
Limitación do alugueiro ou da cesión de uso
  1.  alugueiro ou o prezo da cesión en uso dos aloxamentos ou vivendas será proporcional á súa superficie útil incluída a parte proporcional de superficie dos espazos comúns e de interrelación. A repartición desta parte proporcional realizarase en función da superficie privativa de cada aloxamento ou vivenda.
  2. O alugueiro ou o prezo da cesión en uso dos aloxamentos ou vivendas non poderá superar, no momento da formalización do contrato, o prezo de renda por metro cadrado das vivendas protexidas de protección autonómica de réxime xeral que corresponda á zona xeográfica en que estea a vivenda. No suposto de que se inclúan espazos comúns e de interrelación, poderá incrementarse este importe co prezo proporcional da superficie destes sen que poida superar oito euros mensuais por metro cadrado de superficie útil de aloxamento ou vivenda, incluída a parte proporcional de superficie dos espazos comúns e de interrelación.  No suposto de que as vivendas se cualifiquen como protexidas, o prezo máximo será o previsto na cualificación das vivendas.
  3. O importe do alugueiro ou da cesión de uso constará na resolución de concesión da axuda e actualizarase anualmente conforme o IPC.
  4. O limiar do alugueiro ou do prezo da cesión en uso será de aplicación no momento da subscrición do contrato de alugueiro ou de cesión correspondente.
  5. A persoa arrendadora poderá percibir, ademais da renda inicial ou revisada que lle corresponda, o custo real dos servizos que utilice a persoa arrendataria e se satisfagan pola persoa arrendadora, así como as demais repercusións autorizadas pola lexislación aplicable.
  6. A persoa cedente poderá percibir, ademais do prezo inicial ou revisado que se acorde, o custo real dos servizos que utilice a persoa cesionaria e satisfaga pola persoa cedente, así como os gastos de comunidade e tributos, tamén satisfeitos pola persoa cedente, cuxa repercusión sexa acordada na cesión en uso.
Contía 
  1. Concederáselles ás persoas beneficiarias unha axuda proporcional á superficie útil, tanto privativa do aloxamento ou vivenda como de espazos comúns e de interrelación, de ata un máximo de catrocentos vinte euros por metro cadrado de superficie útil. A contía máxima desta subvención non poderá superar o 50% do investimento da actuación cun límite máximo de 50.000€ por aloxamento ou vivenda.
  2. Se a axuda se solicita soamente para unha parte dos aloxamentos ou vivendas dunha promoción, o importe máximo de catrocentos vinte euros por metro cadrado de superficie útil aplicarase á superficie privativa dos aloxamentos ou vivendas obxecto da axuda e á parte proporcional da superficie útil de espazos comúns e de interrelación.
  3. O investimento da actuación, para os efectos da determinación da axuda deste programa, estará constituído por todos os gastos inherentes á promoción de que se trate, incluídos tributos. Inclúese o custo do solo, da edificación, os gastos xerais, dos informes preceptivos, o beneficio industrial e calquera outro necesario sempre e cando todos eles consten debidamente acreditados. No caso de actuacións de rehabilitación, non se admitirá a inclusión do custo do solo.
Prazo 

O prazo de presentación das solicitudes estará aberto ata o 2 de novembro  ou ata esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria.

Máis información

Consulta a  RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de fomento de aloxamentos temporais, de modelos cohousing, de vivendas interxeneracionais e modalidades similares, do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2023. 

Acceder ao procedemento de tramitación:

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co departamento de Dinamización Comunitaria da Mancomunidade de Vigo, chamando ó teléfono 986 42 33 66 ou a obradoiro.emprego@maiv.org

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *