Subvención destinada a apoiar iniciativas colectivas xuvenís o ano 2025. Búscase promover o desenvolvemento persoal e comunitario, o empoderamento da mocidade, a formación en valores e hábitos saudables, e a dinamización social, económica e cultural.
Beneficiarios
- Asociacións xuvenís sen ánimo de lucro que presten servizos dirixidos á mocidade e que teñan sede ou delegación na provincia de Pontevedra.
- Grupos informais de entre 3 e 8 mozos (de 18 a 35 anos) que presentan proxectos de interese social e xeral.
Requisitos adicionais:
- Inscrición no Censo de Entidades Xuvenís da Xunta de Galicia ou noutro rexistro oficial que acredite o seu carácter xuvenil.
- No caso dos grupos informais, o 75% dos seus membros deberán estar empadroados na provincia de Pontevedra.
- Non está permitida a participación dunha mesma persoa en máis dun grupo ou asociación solicitante.
- Estar ao corrente das obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
Exclusións:
- Proxectos xa subvencionados pola Deputación de Pontevedra no mesmo ano.
- Actividades limitadas a concertos, actuacións ou festas sen xustificación nun proxecto máis amplo.
- Adquisicións de bens ou gastos considerados investimentos.
- Gastos financeiros, asesoramento xurídico ou similares.
Actividades subvencionables
As iniciativas deberán encadrarse nun dos seguintes ámbitos:
- Emprendemento xuvenil e desenvolvemento rural.
- Vida saudable e prevención da violencia e condutas de risco.
- Cultura, innovación e ciencias sociais.
- Asociacionismo e voluntariado xuvenil.
- Protección ambiental e loita contra o cambio climático.
Gastos subvencionables
- Os gastos ordinarios e de funcionamento da entidade serán subvencionables cando estean asociados ao proxecto e recollidos no orzamento de gastos, na porcentaxe que lle corresponda, sen superar en todo caso o 10 % do orzamento total.
- En caso de tratarse do alugueiro de espazos e/ou do equipamento necesario para poñer en marcha o proxecto, o seu importe non poderá superar no seu conxunto o 30 % do orzamento total
- Os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención que estean directamente relacionados co proxecto, que sexan imprescindibles para a súa posta en marcha e que non superen o 20 % do orzamento total.
- Se o proxecto presentado inclúe formación ou a impartición de charlas, serán financiables os honorarios das e dos docentes e relatores, así como o seu desprazamento e manutención, sempre que o prezo se axuste ao valor do mercado. Deberá acreditarse debidamente o seu custo, ata un límite do 40 % sobre o total do orzamento.
- Os custos do persoal contratado en réxime laboral e a subcontratación da execución da actividade necesarios para poñer en marcha a iniciativa, ata un límite do 40 % sobre o total do orzamento.
- Os gastos de creación de páxina web, contidos web, gravación de vídeos e calquera outro de idéntica natureza serán financiables sen superar no seu conxunto o 10 % do orzamento total.
- O custo de adquisición de equipamento e material non inventariable; é dicir, cando sexa funxible ou a súa vida útil non sexa superior a un ano. A súa adquisición no conxunto do proxecto non poderá superar os mil cincocentos (1.500,00) euros en total.
Contía
Subvención máxima por proxecto: 5.000 euros
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes comezará o 17 de febreiro e rematará o 14 de marzo de 2025.
Máis información
O contido desta presentación é só para fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.