IV PREMIO SESÉ MATEO DE XORNALISMO ÉTICO NO TRATAMENTO DA VIOLENCIA MACHISTA

Convocatoria pechada!! O Concello de Redondela outorga o IV Premio Sesé Mateo de Xornalismo que pretende premiar a aqueles ou aquelas profesionais do xornalismo que, ademais de informar, o saiban facer con ética, fuxindo do sensacionalismo e tendo coidado coa intimidade das vítimas e das persoas superviventes máis vulnerables. Tamén daquelas persoas que, con valentía, atendan a esta secuela do patriarcado e do machismo como se merece: sinalando a súa profunda raíz e alentando a toda a sociedade a arrincala de vez.
Obxecto

Establécese o IV Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista que acollerá traballos de calquera xénero xornalístico (noticias, artigos de opinión, reportaxes etc.) sen límite de extensión e que fosen publicados, en medios en papel ou dixitais, ou emitidos en medios de comunicación radiofónicos ou audiovisuais, entre o 1 de setembro de 2023 e o 31 de agosto de 2024.

Entidades beneficiarias e requisitos

Poderanse presentar aqueles e aquelas xornalistas, maiores de idade, que asinen noticias: 

  1. Presentando propostas e candidaturas nos xornais, radios ou televisión. Neste caso, de resultar premiado o traballo, a beneficiaria e quen recibirá o premio será a persoa autora do traballo.
  2. Só se poderá presentar un traballo por persoa. No caso de coexistir un traballo presentado polo/a autor/a e outro ou o mesmo dese/a autor/a proposto/a por calquera entidade, prevalecerá a candidatura do/a autor/a, rexeitándose a presentada polo xornal, radio ou televisión, respectándose así a Lei de propiedade intelectual (RDL 1/1996, do 12 de abril).
  3. Os traballos presentaranse en lingua galega ou castelá, valorándose con maior puntuación os realizados en lingua galega por ser o seu uso minoritario no ámbito xornalístico.
Incompatibilidades e concorrencia

O traballo premiado poderase presentar a outras convocatorias realizadas dentro do ámbito da comunidade autónoma ou ben a calquera outro convocado dentro do Estado.

Criterios de valoración

A concesión realizarase mediante a comparación das solicitudes presentadas coa finalidade de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración para esta convocatoria e adxudicar os premios segundo as puntuacións conferidas.

Valoración dos traballos:

Exponse un sistema de puntuación que parte dunha puntuación inicial de 0 ata o máximo de 10 puntos por candidatura.

Descartarase automaticamente a candidatura que empregue información, linguaxe ou material sensacionalista ou morboso.

Os criterios de valoración podes coñecelos na seguinte ligazón.

Importe do Premio

O galardón consistirá nun único premio dunha cantidade en metálico.

O crédito global do que se dispón para o outorgamento deste premio será de 1.500,00 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 2311B/4890001 do vixente orzamento municipal.

O pagamento realizarase por medio dunha transferencia bancaria ao número de conta que se indique mediante certificación do número de conta bancaria expedido pola entidade financeira de cada participante que resultase premiado/a unha vez se publique a resolución da Alcaldía de concesión do premio de referencia. A entrega efectuarase nun acto público organizado polo Concello de Redondela.

O pagamento do premio estará suxeito á normativa fiscal aplicable en cada caso. Na contía do premio concedido incluírase calquera tipo de tributo que proceda. Se for o caso de que o pagamento se faga a través de factura, a persoa premiada expedirá a mesma unha vez aprobada a resolución de concesión e polo importe que se conteña nesa. Na factura deberá constar como concepto “IV Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista 2024”.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 24 de agosto de 2024 e rematará o  30 de setembro de 2024.

Máis información

Consulta as Bases Reguladoras e convocatoria da subvención para a concesión do IV Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no Tratamento da Violencia Machista.

Código de procedemento:  BDNS: 781112

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Departamento de Apoio ás Asociacións, chamando ao teléfono 986 42 33 66.

O contido desta presentación ten unicamente fins informativos;  en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *