BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE EMPREGO CON APOIO ANO 2025

Xa están dispoñibles as axudas do Programa de emprego con apoio! Ata o 30 de spetembro podedes solicitar a financiación para contratar preparadores e preparadoras laborais que acompañen ás persoas con maiores dificultades de inserción. Non quededes fóra, é o momento de inscribirse!

Fixar as axudas ás entidades promotoras de programas de emprego con apoio para financiar os custos laborais e da Seguridade Social derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio, tanto no caso de novas contratacións como no caso de persoas preparadoras laborais que veñen prestando servizos na entidade (código de procedemento TR342A).

Enténdese por emprego con apoio o conxunto de actividades de orientación e acompañamento individualizado que lles prestan, no propio posto de traballo, persoas preparadoras laborais especializadas ás persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, con especiais dificultades de inserción laboral e que realizan a súa actividade en empresas do mercado ordinario de traballo, en condicións similares ao resto dos traballadores e traballadoras que desempeñan postos de iguais ou similares características e que conten con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

ENTIDADES BENEFICIARIAS 

As asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro que subscriban o correspondente convenio de colaboración, segundo o previsto no artigo 9, coa empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social ás cales se lles vai prestar o emprego con apoio

Requisitos:

a) Ter por obxecto social, entre outros, a inserción laboral ou a creación de emprego a favor de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

b) Contar no seu cadro de persoal con persoas preparadoras laborais especializadas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10, así como dispor dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento axeitado dos programas de emprego con apoio.

c) Ter experiencia acreditada no desenvolvemento de programas de integración laboral de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

d) Desenvolver as actividades de emprego con apoio de modo gratuíto, sen que caiba o cobramento ou a percepción de ningún tipo de cantidade ou tarifa a persoas traballadoras ou empresarios e empresarias.

Os centros especiais de emprego, cualificados e inscritos como tales no Rexistro administrativo de centros especiais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, que subscriban un convenio de colaboración coa empresa que vai contratar persoas traballadoras con discapacidade procedentes do cadro de persoal do mesmo centro ou doutros centros especiais de emprego.

Os centros especiais de emprego e empresas de inserción deberán cumprir algúns requisitos

As empresas do mercado ordinario de traballo, incluídas as persoas traballadoras autónomas, con domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, que contraten as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que poidan ser beneficiarias das accións de apoio, sempre que conten no seu cadro de persoal con persoas preparadoras laborais especializadas e que dispoñan dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento axeitado dos programas de emprego con apoio.

ACCIÓNS SUBVENCIONABLES 

  1. Orientación, asesoramento e acompañamento á persoa traballadora apoiada, elaborando para cada persoa traballadora un programa de adaptación ao posto de traballo.
  1.  Labores de achegamento e axuda mutua entre a persoa traballadora beneficiaria do Programa de emprego con apoio, o empregador ou empregadora e o persoal da empresa que comparta tarefas coa persoa traballadora apoiada.
  1.  Apoio á persoa traballadora no desenvolvemento de habilidades sociais e comunitarias, de modo que se poida relacionar co contorno laboral nas mellores condicións.
  1.  Adestramento específico da persoa traballadora apoiada nas tarefas inherentes ao posto de traballo.
  1.  Seguimento da persoa traballadora apoiada e avaliación do proceso de inserción no posto de traballo. Estas accións terán por obxecto a detección de necesidades e a prevención de posibles ameazas ou riscos, tanto para a persoa traballadora como para a empresa que a contrata, que poñan en perigo o obxectivo de inserción e a permanencia no emprego.
  1.  Asesoramento e información á empresa sobre as necesidades e os procesos de adaptación do posto de traballo.

CONTIA

Os incentivos previstos nesta orde destinaranse a financiar os custos derivados da contratación das persoas preparadoras laborais que se xerasen ou se xeren durante o desenvolvemento das accións do emprego con apoio, dentro do período subvencionable, que abrangue entre o 1.10.2024 e o 30.9.2025,

A contía base pola persoa preparadora laboral establécese en función do número das persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social ou de persoas con discapacidade apoiadas, co tipo e grao: 

Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.11.083,33 euros anuais polo apoio a cada persoa traballadora
Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %.6.650 euros anuais polo apoio a cada persoa traballadora
-Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.-Persoas xordas e con discapacidade auditiva cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.-Persoas en situación ou en risco de exclusión social recoñecido polo órgano competente en materia de servizos sociais da Xunta de Galicia que non teñan ningunha das discapacidades indicadas nas letras anteriores.4.156,25 euros anuais polo apoio a cada persoa traballadora
Persoas con capacidade intelectual límite.1.625 euros anuais polo apoio a cada persoa traballadora

PRAZO DE SOLICITUDE

Prazo de presentación das solicitudes ata o 30 de setembro de 2025.

MÁIS INFORMACIÓN

Consulta:

ORDE do 1 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de emprego con apoio e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TR342A)

Código de procedemento:  TR342A

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, pódeste poñer en contacto co noso Departamento de Apoio ás Asociacións, chamando ao teléfono 986 42 33 66.

O contido desta presentación é só para fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *