O obxecto da convocatoria e regular os premios dos maios que participen nos actos programados con motivo da Festa dos maios do ano 2025.
PARTICIPANTES
Serán susceptibles de obteren os premios regulados nestas bases e convocatoria os seguintes Maios, coas súas correspondentes coplas.
- Maio tradicional: son aqueles construídos con forma cónica ou de cruceiro. Na súa elaboración empregaranse materiais vexetais (especialmente fiúncho, pampullo, peonias, laranxas e flores diversas) e técnicas construtivas mecánicas non sintéticas.
- Maio artístico: son aqueles construídos con forma non cónica. Na súa elaboración empregaranse materiais vexetais e técnicas construtivas non exclusivamente mecánicas.
O único material non vexetal permitido para a decoración dos maios nas dúas categorías é a casca de ovo.
- Coplas: estarán escritas en lingua galega (normativa oficial da RAG, 2003). Será imprescindible que cada maio conte, como mínimo, con catorce coplas das que seis serán interpretadas diante do xurado.
Requisitos adicionais:
Os maios deberán gardar unha unidade temática, tanto no seu vestiario coma na súa actuación.
Exclusións:
- Non serán admitidos a concurso aqueles maios con coplas que atenten contra as máis elementais normas de civismo e respecto á honra e dignidade das persoas.
- Poderase excluír como beneficiario das axudas reguladas nestas bases e convocatoria a todos aqueles que non acrediten as condicións mínimas esixidas.
CONTIA E DISTRIBUCION DOS PREMIOS
Destínase un crédito máximo de 10.000 euros € e distribuiranse asi:
• Premio por participar: 200 euros á cada maio.
• Premios ás coplas:
1º Premio: 300 euros.
2º Premio: 250 euros.
3º Premio: 200 euros.
• Premios á interpretación:
1º Premio: 300 euros.
2º Premio: 250 euros.
3º Premio: 200 euros.
• Premios ao maio tradicional:
1º Premio: 300 euros.
2º Premio: 250 euros.
3º Premio: 200 euros.
• Premios ao maio artístico:
1º Premio: 300 euros.
2º Premio: 250 euros.
3º Premio: 200 euros.
Os maios premiados, alén da cantidade económica indicada, recibirán un diploma acreditativo.
CRITERIOS DE AVALIACIÓN
A) CRITERIOS DE AVALIACIÓN DO XURADO.
Coplas:
Terase en conta a retranca, o enxeño, o ritmo e a linguaxe utilizados. Polo contrario, será penalizado o uso de palabras malsoantes, ofensivas e as copias de coplas presentadas en anos anteriores.
Interpretación:
Terase en conta a posta en escena, a sincronización, a afinación das voces, a utilización de elementos de acompañamento (paus, caxatos etc.) e o uso das prendas que estean de acordo co modelo tradicional (boina, camisa branca e pantalón con remendos).
Maio tradicional:
Terase en conta a forma do cono ou do cruceiro, a colocación do fiúncho, a decoración e combinación de flores e de máis elementos decorativos e o vistoso da coroa.
Maio artístico:
Terase en conta a orixinalidade da forma, a colocación do fiúncho, a utilización de flores e de máis elementos decorativos e a invisibilidade da estrutura do maio.
O xurado valorará positivamente a exclusiva aplicación de técnicas de construción mecánicas fronte a outras con materiais sintéticos (colas, pegamentos etc.).
B) CRITERIOS DE AVALIACIÓN DE PARTICIPANTES.
As persoas participantes no concurso poderán participar na votación nas categorías de maio tradicional e maio artístico conforme ao seguinte procedemento:
- A persoa representante do Concello entregará unha folla a cada representante dos maios participantes na que se deberá indicar a orde dos premios nas categorías referidas.
- Cada concursante poderá votar a tódolos maios agás ó propio ou propios, tendo en conta os criterios fixados para cada categoría.
- Antes da finalización das actuacións, cada representante entregará a citada folla á persoa representante do Concello.
- Este voto colectivo contabilizarase como o dun membro máis do xurado.
PRAZO
O prazo de presentación será ata o 22 de Abril
Máis información
Consulta a BASES E CONVOCATORIA QUE REXERÁN OS PREMIOS CON MOTIVO DA FESTA DOS MAIOS 2025
O contido desta presentación é só para fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.