Obxectivo
Conceder, en réxime de concorrencia competitiva, axudas destinadas a realizar investimentos para pemes e entidades asociativas do sector transformador dos produtos da pesca e acuicultura que contribúan á seguridade alimentaria na Unión Europea, fomentando unha pesca e acuicultura sostibles desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva.
Beneficiarios e requisitos
Poderán ser persoas beneficiarias as persoas físicas, xurídicas, pluralidade de persoas físicas, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidades de bens que cumpran os seguintes requisitos:
- Ser unha peme do sector de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura ou ser unha entidade asociativa do sector transformador dos produtos pesqueiros e acuícolas, legalmente constituídas e inscritas no correspondente rexistro, e que cumpran o requisito de ser peme.
- Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.
- Non incorrer en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que impida obter a condición de beneficiario da axuda.
- Non incorrer en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que impida obter a condición de beneficiario da axuda.
- Non atoparse nalgún dos supostos establecidos no número 1, letras a) e b), e o número 3 do artigo 11 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021.
- Ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
- Estar en posesión das preceptivas concesións, autorizacións, permisos ou licenza para levar a cabo os investimentos previstos ou ter presentadas as solicitudes destas. En todo caso, os documentos presentados para a solicitude da subvención deberán ser copias dos presentados para a obtención dos permisos.
- Antes de que se dite a proposta de resolución de concesión, deben estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Coa solicitude (anexo I), xuntarase unha declaración responsable por parte do solicitante, do seu representante ou apoderado do cumprimento dos requisitos establecidos nos puntos 2 ao 6.
Accións subvencionables
Serán subvencionables aquelas actividades que entre a súa finalidade se atope:
- Fomentar a calidade e o valor engadido dos produtos.
- Aumentar a eficiencia enerxética, reduzan o impacto no ambiente ou melloren a mobilidade sostible da distribución de produtos da pesca.
- Mellorar a seguridade, a hixiene, a saúde e as condicións de traballo.
- Favorecer a economía circular mediante a prevención; a optimización de procesos; a minimización dos residuos (ecodiseño e ecoeficiencia); o aproveitamento comercial das capturas non desexadas e subprodutos; o uso de descartes para o desenvolvemento de subprodutos; a transformación de capturas de peixe comercial que non poidan destinarse ao consumo humano, e a transformación de subprodutos obtidos das actividades principais de transformación.
- Fomentar a transformación de produtos da acuicultura ecolóxica en virtude dos artigos 7 e 8 do Regulamento (CE) nº 2018/848.
- Fomentar a adaptación dos operadores aos requisitos de cumprimento e certificación, de acordo co Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, ou o Regulamento (UE) nº 2018/848 no relativo a produtos de acuicultura ecolóxica.
- Dar lugar a novos e mellores produtos e procesos, ou a sistemas de xestión e organización perfeccionados en materia de transformación dos produtos.
Gastos subvencionables
- Os investimentos que acaden a finalidade do artigo 3 poderán ser obxecto de subvención.
- Tamén será subvencionable o gasto derivado da certificación ou da elaboración do informe dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC), no caso de subvencións de importe superior a 30.000,00 € nas cales non sexa posible presentar conta de perdas e ganancias abreviada, así como os custos que resulten dos proxectos e asesoramentos necesarios para acometer o investimento produtivo obxecto de financiamento (estudos de impacto ambiental, informes técnicos, xurídicos, etc.).
- De ser o caso, serán subvencionables os gastos dos proxectos técnicos, que non poderán superar o límite do 12 % do investimento máximo subvencionable.
Para a anualidade de 2024: só se admitirán aqueles gastos correspondentes á acción subvencionable que fosen efectivamente pagados dentro do período comprendido entre a data da visita do persoal técnico para realizar a certificación de non-inicio ou certificación de non-inicio anticipada, de ser o caso, e a data límite de xustificación establecida na resolución de concesión da axuda ou a súa modificación, de ser o caso.
Para a anualidade de 2025 admitiranse os gastos efectivamente pagados dentro do período comprendido entre a data da visita do persoal técnico para realizar a certificación de non-inicio ou certificación de non-inicio anticipada, de ser o caso, e a data límite de xustificación da segunda anualidade.
Non serán subvencionables
- O imposto do valor engadido (IVE) nin outros impostos recuperables.
- As transferencias de propiedade dunha empresa.
- Os gastos de reposición de elementos, infraestruturas, instalacións e equipamentos, salvo que a nova adquisición supoña unha mellora substancial. Tampouco serán subvencionables os gastos orixinados por obras de mantemento e reparacións.
- As adquisicións de elementos, infraestruturas, instalacións e equipamentos de segundo uso e posteriores.
- A adquisición de terreos por un custo superior ao 10 % do total de gasto subvencionable da operación de que se trate, sempre que exista unha relación directa entre a compra e os obxectivos da operación; no caso de zonas abandonadas e daquelas cun pasado industrial que comprendan edificios, este límite aumenta ata o 15 %.
- A compra de edificios ou locais se estes foron subvencionados nos últimos 10 anos.
- As obras non vinculadas co proxecto de investimento: vivendas, comedores, obras de embelecemento, equipamentos de recreo e semellantes.
- A urbanización que non estea relacionada coa actividade do proxecto que se pretende financiar.
- A adquisición de elementos e todo tipo de bens que non sexan pagados por transferencia bancaria ou aqueles pagados mediante préstamos de entidades provedoras.
- O custo de elementos de transporte que no estean directamente relacionados coa operación.
- Os xuros da débeda.
- No ámbito da innovación:
- As adaptacións ás necesidades dun cliente especifico que non presenta características significativamente diferentes aos produtos fabricados para outros clientes.
- Os cambios de deseño que non modifican a función ou as características técnicas do ben/servizo.
- Sistemas de fabricación ou loxística similares aos xa en uso.
Incompatibilidades e concorrencia
Os gastos cofinanciados serán compatibles con outras liñas de axudas, sempre que a suma de todas elas non supere o límite da intensidade máxima de axuda pública prevista no artigo 41 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, de 7 de xullo de 2021.
Non obstante, a obtención concorrente de axudas outorgadas para a mesma finalidade polas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das subvencións percibidas por cada persoa beneficiaria supere os límites que se indican no número anterior, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións, ata axustarse a ese límite na última subvención que se conceda.
Criterios de valoración
Para avaliar as solicitudes utilizaranse catro categorías de criterios de selección: xerais, horizontais ambientais e sociais, específicos de viabilidade técnica e/ou económicos, e por último específicos polo tipo de actividade:
- Criterios de selección xerais (30 %).
- Criterios horizontais ambientais e sociais (20 %).
- Criterios de viabilidade técnica e económicos (20 %).
- Criterios específicos polo tipo de actividade (30 %).
Se queres saber máis acerca destes criterios, clica na seguinte ligazón.
Contía
As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 46.02.723B.770.6, código de proxecto 202300191, correspondentes á Consellería do Mar, e o importe total máximo das subvencións que se concedan nos devanditos exercicios será de 19.000.000,00 €, distribuídos nas seguintes anualidades:
- Anualidade 2024: 9.000.000,00 €.
- Anualidade 2025: 10.000.000,00 €.
O importe fixado, así como as aplicacións a que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.
Estas axudas contan co financiamento do FEMPA nun 70 % (prioridade 2: fomentar as actividades sostibles de acuicultura, así como a transformación e comercialización dos produtos da pesca e a acuicultura, para contribuír así á seguridade alimentaria da Unión; obxectivo específico 2.2: promover a comercialización a calidade e o valor engadido dos produtos da pesca e a acuicultura, así como a transformación de ditos produtos; tipo de actividade 2.2.4: investimentos en comercialización e transformación), e do Estado membro (C.A. de Galicia) nun 30 %.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes comezará o 19 de xuño de 2024 e rematará o 18 de xullo de 2024.
Máis información
Acceso ó trámite de procedemento
Código de procedemento: PE201B
Consulta a ORDE do 6 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento PE201B).
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Departamento de Apoio ás Asociacións, chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.