AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE PROGRAMAS E/OU ACTIVIDADES DE PROMOCIÓN DAS MULLERES NO ANO 2024 EN VIGO

Prazo pechado!! Se eres unha entidade sen ánimo de lucro da comarca de Vigo e queres financiar os gastos ocasionados polo desenvolvemento de programas e /ou actividades de promoción das mulleres, isto interésache! Non o esquezas!
Obxecto

  Concédense as subvencións para contribuír a financiar os gastos ocasionados polo desenvolvemento de programas e/ou actividades de promoción das mulleres que leven a cabo as entidades sen ánimo de lucro do Concello de Vigo entre o 1 de novembro de 2023 e o 31 de outubro de 2024 (ambos incluídos).

Entre os seus obxectivos atópanse:

  • Fomentar e apoiar o desenvolvemento de proxectos en materia de igualdade, prevención da violencia de xénero, atención á diversidade e promoción da saúde e benestar das mulleres.
  • Potenciar o asociacionismo feminino e a participación das mulleres en todos os ámbitos de actuación das organizacións.
  • Favorecer actividades de investigación, educativas ou culturais encamiñadas a poñer en valor e visibilizar a contribución das mulleres á sociedade ao longo da historia.
  • Facilitar a adquisición de competencias e habilidades básicas para unha maior autonomía das mulleres.

Os destinatarios das accións subvencionadas deberán ser mulleres cando se trate de actividades de ocio e tempo libre, formación e/ou similares e poderán incorporarse homes ao alumnado cando estas xornadas ou cursos teñan como obxectivo informar, concienciar e formar no eido da perspectiva de xénero e da igualdade de oportunidades. 

   Asemade, poderanse subvencionar proxectos dirixidos exclusivamente á poboación masculina que promovan actividades en ámbitos e/ou áreas tradicionalmente feminizadas.

Persoas beneficiarias

Poderán solicitar e obter estas axudas as entidades sen ánimo de lucro que reúnan os seguintes requisitos:

  1. Que teñan a súa sede social ou delegación no termo municipal de Vigo.
  1. Que se atopen debidamente inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións na data de presentación da solicitude.
  1. Que, conforme aos seus estatutos ou normas reguladoras, teñan obxectivos e finalidades coincidentes cas establecidas nas presentes bases.
  1. Que dispoñan de estrutura suficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos propostos e acreditar a experiencia e capacidade necesaria para o logro de tales obxectivos.
  1. Que se atopen ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias co Concello de Vigo, a Axencia Tributaria e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, e coa Seguridade Social.
  1. Que cumpran aos demais requisitos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións e no Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Exclusións:

  1. As solicitudes presentadas por clubs ou entidades deportivas.
  2. As solicitudes presentadas por asociacións de pais e nais do alumnado (ANPAS).
  3. As solicitudes que se presenten fóra do prazo estipulado na convocatoria, calquera que sexa a causa do atraso.
  4. Proxectos que, para a mesma finalidade, foran solicitados noutras Áreas ou Servizos do Concello de Vigo.
  5. Proxectos que, a xuízo da Comisión de Avaliación, teñan unha relación e canle máis específica de axuda noutras Áreas do Concello de Vigo ou que a totalidade ou parte do seu obxecto estea incluído nalgún convenio de colaboración ou contrato co Concello de Vigo. Quedarán excluídos tanto os proxectos que xa estean en execución como os que os distintos departamentos municipais prevexan aprobar durante o período subvencionable.
  6. Proxectos que se realicen nos centros de ensino onde se estean a desenvolver programas municipais de igualdade e prevención da violencia de xénero e que, a xuízo da Comisión de Avaliación, a súa execución en horario lectivo duplique os contidos e/ou afecte á boa marcha dos programas municipais.
  7. Proxectos que supoñan a edición de documentos internos, así como externos de signo exclusivamente propagandístico.
  8. Proxectos de carácter político e doutrinal de signo partidario e/ou confesional.
  9. Proxectos que inclúan actividades docentes previstas nos plans de ensino vixentes.
  10. Proxectos que inclúan os gastos xerais das entidades solicitantes relativos á administración, xestión, financiamento, adquisición de patrimonio, investimentos e equipamento, mantemento ou alugueiro do local social.
  11. Proxectos que non reúnan as condicións mínimas de interese xeral, indicando unha mala definición do mesmo ou que a materia non se axuste aos obxectivos da convocatoria.
  12. Proxectos que teñan previsto a súa realización fóra do termo municipal de Vigo.
  13. Proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 10 puntos no apartado 1 da base sétima.
Accións subvencionables

Estas subvencións teñen por obxecto atender a algunha/s das seguintes finalidades:

  1. Responder ás demandas e necesidades das mulleres en función das seguintes áreas de prioridade establecidas polo Servizo de Igualdade: Educación en igualdade, Conciliación e corresponsabilidade, Liderado e empoderamento, Emprego e formación, Contra a violencia de xénero, Atención á diversidade, e Promoción da saúde e o benestar.
  2. Promover o investimento de recursos sociais en accións positivas para as mulleres, que favorezan o acceso e a permanencia das mulleres naqueles ámbitos onde se atopen subrepresentadas.
  3. Organizar e promover actividades en ámbitos e/ou áreas tradicionalmente feminizadas, dirixidas á poboación masculina.
  4. Potenciar o asociacionismo feminino, a participación activa das mulleres nos órganos de toma de decisións das asociacións, así como a participación das mulleres en todos os ámbitos de actuación das organizacións.
  5. Impulsar a apertura de novas canles de intervención a favor das mulleres no eido socio-laboral, educativo e familiar.
  6. Favorecer actividades de investigación, educativas e/ou culturais encamiñadas a poñer en valor e visibilizar a contribución das mulleres á sociedade ao longo da historia.
  7. Promover e visibilizar as achegas e o papel que desenvolven as mulleres nos distintos sectores relacionados coa pesca e/ou nos oficios derivados do mar, como redeiras, conserveiras, armadoras, mariscadoras, etc.
  8. Organizar actividades de carácter formativo, cultural, artístico ou de ocio dirixidas a mulleres co fin de facilitarlles a adquisición de competencias e habilidades básicas para unha maior autonomía.
  9. Concienciar e formar a homes e mulleres a través de módulos formativos sobre xénero e igualdade de oportunidades (IO) impartidos por profesionais especializadas con formación acreditada neste eido
Gastos subvencionables

Serán gastos subvencionables os que de xeito indubidábel correspondan á participación ou organización da actividade obxecto da axuda:

  1. Gastos derivados da organización e desenvolvemento da actividade obxecto da axuda, que sexan contratados con empresas externas á propia entidade, o que se xustificará mediante facturas. Por exemplo: contratación de monitorado, elaboración de materiais, folletos, etc.
  1. Gastos de persoal. Con carácter xeral, non será subvencionable ningún gasto correspondente a retribucións do persoal propio da entidade, agás nos seguintes casos:

2.1) Gastos de persoal contratado especificamente para o desenvolvemento da actividade (monitorado, persoal

docente en caso de cursos ou xornadas, profesionais encargadas/os da execución directa, persoal encargado

da coordinación, etc.). 

2.2) Gastos do persoal contratado con anterioridade pola entidade solicitante. Estes gastos só serán subvencionables no caso de persoal encargado da coordinación da actividade subvencionada, sempre que se xustifique a súa necesidade e co límite de poder imputarse como máximo o 20% da remuneración líquida mensual do período que abrangue a realización do programa dunha única persoa encargada da coordinación. Xustificarase mediante nóminas.

  1. Gastos indirectos, de funcionamento e/ou mantemento da asociación, como: luz, teléfono, alugamento de instalacións ou espazos estritamente necesarios para o desenvolvemento da actividade subvencionada (agás os gastos de alugamento do local social), mantemento das aplicacións web e/ou presenza dixital, asesoramento fiscal, laboral, contable e financeiro, etc. Estes gastos serán subvencionables sempre que se imputen ao programa subvencionado,  non foran subvencionados no mesmo exercicio a través doutras convocatorias de subvencións, correspondan ao período no que efectivamente se realiza a actividade subvencionada e co límite máximo do 10% dos gastos directos.
Incompatibilidades e concorrencia

Estas subvencións serán compatibles con calquera outra subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

A entidade beneficiaria deberá comunicarlle ao Concello de Vigo a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien o programa subvencionado. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos recibidos.

Criterios de valoración

A concesión das subvencións atenderá a criterios obxectivos e se tramitarán en réxime de concorrencia competitiva, tendo sempre como límite as dispoñibilidades orzamentarias do Servizo de Igualdade destinadas para tal fin no presente exercicio.

Neste sentido, a Comisión Avaliadora valorará as solicitudes presentadas tendo en conta os seguintes criterios e baremos de puntuación sobre un máximo de 60 puntos:

  1. Calidade técnica, coherencia e viabilidade do proxecto. Ata un máximo de 16 puntos.
  2. Incorporación do enfoque de xénero na implementación do proxecto. Ata un máximo de 15 puntos.
  3. Impacto, sostibilidade e innovación. Ata un máximo de 10 puntos.
  4. Por recoller o proxecto algún dos seguintes obxectivos e accións. Ata un máximo de 10 puntos nas áreas de:
    • ÁREA DE EDUCACIÓN EN IGUALDADE
    • ÁREA DE CONCILIACIÓN E CORRESPONSABILIDADE
    • ÁREA DE LIDERADO E EMPODERAMENTO
    • ÁREA DE EMPREGO E FORMACIÓN
    • ÁREA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
    • ÁREA DE ATENCIÓN Á DIVERSIDADE
    • ÁREA DE PROMOCIÓN DA SAÚDE E O BENESTAR
Contía

A cantidade máxima destinada a estas subvencións é de 91.500,00 euros (noventa e un mil cincocentos euros) que se fará efectiva con cargo á aplicación orzamentaria 2311 4890000 “Promoción da igualdade e do deporte feminino” e bolsa de vinculación xurídica do orzamento vixente do Servizo de Igualdade.

Establécese a contía de 3.000 € como contía máxima da subvención a conceder por entidade beneficiaria e/ou por proxecto.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 9 de maio de 2024 e rematará o 24 de maio de 2024.

Máis información

Consulta as Bases reguladoras para a concesión de subvencións do Servizo de Igualdade a entidades sen ánimo de lucro do Concello de Vigo para a realización de programas e/ou actividades de promoción das mulleres no ano 2024.

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Departamento de Apoio ás Asociacións, chamando ao teléfono 986 42 33 66.

O contido desta presentación ten unicamente fins informativos;  en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *