Obxecto
Establécense, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas e subvencións destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro prestadoras de servizos sociais sinaladas no artigo 3, a través da concesión de axudas e subvencións para a contratación nesta convocatoria do ano 2024, ou prórroga da contratación concedida na convocatoria do ano 2023, de axentes de emprego e unidades de apoio.
Beneficiarios e requisitos
- Entidades sen ánimo de lucro que establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, e que estean a desenvolver actividades de promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa promoción do emprego, o autoemprego e o desenvolvemento local.
As ditas entidades necesariamente deben estar adheridas á Rede Xatemprego para o uso da aplicación web na xestión de actividades vinculadas á promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa promoción do emprego, o autoemprego e o desenvolvemento local (https://xatemprego.gal/), na cal deberán rexistrar todas as actividades e proxectos desenvolvidos ao abeiro destas axudas.
- Para seren beneficiarias, ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter personalidade xurídica e capacidade de obrar e estar debidamente inscritas no correspondente rexistro público.
b) Dispor de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.
c) En todo caso, as entidades beneficiarias deberán acreditar que as persoas contratadas no marco deste réxime de axudas non están afectas ao desenvolvemento dunha actividade económica conforme o establecido pola xurisprudencia comunitaria, tal como exixe a liña h) do artigo 21.
Accións subvencionables
- As persoas contratadas como axentes de emprego, na súa colaboración realizarán, entre outras, as seguintes funcións: Fomentar recursos ociosos ou infrautilizados, de promoción económica e iniciativas para a xeración de emprego no ámbito local, identificando novas actividades económicas e posibles persoas emprendedoras.
- Potenciar as oportunidades de emprego entre as persoas desempregadas con especiais dificultades de inserción laboral e, en especial, as persoas con discapacidade e en risco de exclusión social.
- Avaliación e execución de programas de acción encamiñados a favorecer a igualdade de oportunidades e a discriminación positiva dos colectivos de persoas con discapacidade e en risco de exclusión social.
- Acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais sobre a viabilidade técnica, económica e financeira destes.
- Apoio técnico ás persoas promotoras de empresas, durante as primeiras etapas de funcionamento, mediante a aplicación de técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos.
- Calquera outra que contribúa á promoción e implantación de políticas activas de emprego, coa creación de emprego e a inserción laboral dos colectivos de persoas con discapacidade e en risco de exclusión social.
- As persoas contratadas como unidades de apoio colaborarán cos axentes de emprego no desenvolvemento das súas funcións.
Incompatibilidades e concorrencia
A subvención será incompatible con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade, procedentes de fondos de políticas activas de emprego.
Contía
O financiamento destas axudas efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024 a través dos créditos consignados na aplicación 44.04.322C.481.8 (código de proxecto 2015 00522), polo importe global de 1.200.085,44 euros.
- A subvención que percibirán as entidades beneficiarias consistirá nunha contía calculada tomando como referencia os custos salariais e de Seguridade Social das persoas axentes de emprego e unidades de apoio que se van contratar nos termos previstos no parágrafo seguinte.
- A contía máxima da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas contratadas polo número de meses e polo importe do módulo C no caso de axentes de emprego, e do módulo B para as unidades de apoio.. Para calcular a contía correspondente aos custos de Seguridade Social, o tipo de cotización aplicable será o que se corresponda coa ocupación A.
- O salario que percibirán as persoas contratadas como axentes de emprego ou unidades de apoio será aquel que corresponda legal ou convencionalmente e será segundo a súa categoría profesional e titulación.
- As subvencións previstas, en ningún caso poderán ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere os custos totais da contratación.
- Non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.
Criterios de valoración
- O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia competitiva.
- O órgano instrutor dos expedentes será o Servizo de Programas de Cooperación da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais.
- Revisados os expedentes e completados, de ser o caso, remitiranse á Comisión de Valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe.
- Dos proxectos presentados polas entidades de atención de colectivos de discapacidade e en risco de exclusión social que cumpran os requisitos sinalados no artigo 3 farase unha avaliación para o outorgamento da correspondente subvención, tendo en conta os seguintes criterios de valoración específicos.
- Para a comparación das solicitudes presentadas, establécese unha puntuación máxima de 50 puntos co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración anteriores e adxudicar, dentro do crédito dispoñible de 1.200.085,44 euros, a aquelas que obtivesen maior valoración en aplicación dos citados criterios.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes comezará o 25 de setembro de 2024 e rematará o 24 de outubro de 2024.
Máis información
Consulta a Orde do 11 de setembro de 2024 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR352B).
Código de procedemento: TR352B
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Departamento de Apoio ás Asociacións, chamando ao teléfono 986 42 33 66 ou mandando un correo electrónico ó enderezo obradoiro.emprego@maiv.org.
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.